“Bravú XXX” é o documental producido por Nós Televisión e conducido por Xurxo Souto, que conmemora o 30 aniversario deste movemento musical galego. A iniciativa está de xira por 25 concellos da provincia da Coruña, entre os que se atopan tres da zona de Ferrolterra.
A Casa da Cultura de Neda acollerá a proxección inicial, o xoves ás 19.00 horas, e o sábado a de San Sadurniño, ás 19.30. O último concello próximo no que se exhibirá a obra este mes será o de Cedeira, o vindeiro xoves 21, ás 11.30, no auditorio municipal.
Esta peza audiovisual, que forma parte do ciclo Outono das Artes, promovido pola Deputación, ofrécese de balde e está realizado en formato de “road movie”. Xurxo Souto, artista recoñecido tanto no ámbito da literatura como da música, particularmente como líder dos Diplomáticos de Monte Alto, é o encargado de levar de viaxe aos espectadores polo movemento cultural que marcou a historia da música en Galicia.
Así, a achega ao bravú realízase explicándoo dende dentro, en forma de itinerario espontáneo e colectivo, deténdose para conversar con protagonistas e herdeiros do estilo. Por exemplo, a película fai partícipe a Paola Beiro, das Garotas da Ribeira; Nuno Pico, de Grande Amore; Xosé Manuel Pereiro, Johnny Rotring en Radio Océano, ou Sés, entre outros.
Ademais, “Bravú XXX” abrirase ao resto do público no vindeiro mes de decembro nas plataformas de Youtube, na canle de Nós Televisión, e de Movistar Plus+, para todo o Estado español, así como no 119 de R.