O pleno da corporación de Neda aprobou onte o reparto dos fondos asignados ao municipio pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Obras e Servizos (POS+) do 2025. Así, o Concello destinará preto de 300.000 euros a paliar o incremento dos gastos aos que debe facer fronte con recursos propios, “como consecuencia do aumento dos prezos”, explica o executivo local, da prestación de diferentes servizos.
Así, esta cantidade servirá para axudar a afrontar o custe de subministro e mantemento de alumeado público, da limpeza viaria, a recollida e tratamento de residuos ou o mantemento dos centros de Educación Infantil e Primaria.
Mentres, o Consistorio reservará 75.725 euros a investimentos financieiramente sostibles. Neste sentido, procederase a substituír o conxunto das carpinterías exteriores de aluminio da Casa da Cultura –a excepción das do salón de actos incluídas no proxecto que está en marcha na actualidade–.
A intervención suporá, indica o goberno local dirixido por Ángel Alvariño, “unha notabilísima mellora a nivel térmico e acústico”, polo que se verá reducido o consumo enerxético dedicado á climatización do inmoble. “Inclúese ademais como complementario o proxecto de renovación do abastecemento e saneamento no Carreiro”, engade o Concello.
A distribución do POS+ 2025 saíu adiante cos votos do PSOE e do edil do PP presente na sesión. Movenera e BNG opuxéronse.
Na sesión plenaria tamén saíu adiante (cos mesmos apoios anteriormente mencionados) a adhesión de Neda á Ásociación de concellos galegos afectados pola estrada de peaxe AP-9.
Mentres, a moción do BNG de apoio á celebración do Ano Castelao saíu adiante por unanimidade, como a modificación, a proposta da Deputación, do proxecto “Apertura, pavimentación e implantación de servicios no vial de Camiño Vello a Bacela”.