Hai ben anos que David Cortizo é un habitual do circuíto literario galego, principalmente no ámbito editorial, no que comezou a súa andaina próximo ao selo Contos Estraños e no que logo adquiriu responsabilidades como cofundador e editor en Cuarto de Inverno para agora participar das angueiras profesionais de Galaxia. Paralelamente, dedica os seus esforzos á presidencia de Galix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e, o que descubrín recentemente, cultiva con acerto a escrita, como ben demostra a súa ópera prima: Púrpura Tero.
Inserida na veterana colección Costa Oeste da Editorial Galaxia, “Púrpura Tero” é unha novela con inequívocas tinturas de narración xuvenil de ciencia ficción que, porén, coido que ha de resultar de interese tamén para o público máis medrado.
A historia que Cortizo propón lévanos ao planeta que dá nome á novela, un mundo que tenta pasar desapercibido para as crueis e implacables ordes militares do Emporio Comercial galáctico, gobernado por unha monarquía desdebuxada que manexan maquiavelicamente os dirixentes da Compañía dos Xetidni (léase á inversa para entender a parábola). Estes, tan só preocupados polo poder que deriva da riqueza, procuran por toda parte a xeralaxia, unha substancia producida por unha planta abraiante que é quen de facer das persoas case suprahumanos.
Neste contexto xorde a aventura que o libro propón, pois en “Púrpura Tero” estrélase inopinadamente unha cápsula espacial e as mozas vixilantes da comunidade —entre as que sobrancea Ausela, teluricamente conectada co seu planeta— terán que coidar de que esa potencial ameaza non remate por perturbar a paz secular do lugar no que viven.
Máis alá da entretida intriga que sostén a narración, a obra é asemade un espello no que ollar moitas cuestións que, por máis que se presenten ambientadas nunha sociedade futura, no fondo pretenden facernos reflexionar sobre o complexo do existir de hoxe e de todo tempo: o valor da amizade, da unión coa terra, a importancia do vínculo familiar, as miserias que a loita polo poder desata, o necesario do traballo en equipo, as dificultades e as disensións ás que o goberno da res pública pode levar, en fin, a loita entre o ben e o mal, a harmonía e a bondade fronte á vilanía e a traizón, eterna oposición ou loita de contrarios que está na base de infinidade de relatos.
Á vista do que levo escrito, estou certo de que ao lectorado máis avisado non se lle houbo escapar a familiaridade deste “Púrpura Tero” con varios dos grandes do xénero, especialmente co Dune de Frank Herbert, mais tamén coa saga de Star Wars. Moito do que nestas hai da simbólica do deserto, da visión económica, relixiosa e política, do ecolóxico e, se se me apura, do mesiánico, coido que axudaron a que o relato de Cortizo sexa o que é.
Por todas estas razóns, “Púrpura Tero” constitúe unha ben prometedora estrea e, polo mesmo, cómpre felicitar ao seu autor, quen achega aquí unha narración áxil, ben ganduxada, cun remate aberto que tal semella preanunciar continuación en novas entregas, ás que estaremos atentos para saber máis e mellor deste fascinante planeta purpúreo no que a xeralaxia inza e o futuro da galaxia se cifra.