Haberá un par de anos que tiven ocasión de ver o filme do francés Samuel Collardy Une anné polaire, “Un profesor en Groenlandia” na versión española, unha fita do máis interesante e suxestiva, dado a temática tocada, así como a contorna en que se desenvolve. Anders, un mestre dinamarqués acabado de graduar, decide ir dar clases a Groenlandia. Fillo único de pai gandeiro –non quere herdar a granxa–, viaxará até Tiniteqiilaq, unha aldea de tan só 80 habitantes. A busca da aventura gaña a partida. Existen moitos inconvenientes, como o da auga corrente, que non a hai e teraa que ir buscar e transportar el mesmo en bidóns. Alén diso, os alumnos compórtanse de xeito desapropiado e, por exemplo, prefiren ir de caza ou pesca cos pais en vez de acudir á escola. E a principios do inverno fican illados, aínda que aos poucos Anders será capaz de se ir integrando nesta comunidade.
Desde moi neno, recoñezo que sinto un certo magnetismo polos espazos desérticos, areosos ou xeados, inhóspitos, de insólita e extrema natureza. Nesta mesma columna escribín acerca do libro The Endurance, “Atrapados en el hielo” na versión española. Caroline Alexander relata nel a lendaria expedición á Antártida de Shackleton (1914). Son os días previos ao inicio da Gran Guerra, o que pesará gravemente á hora das valoracións atribuídas á odisea polar británica. O “Endurance” afundiu, os tripulantes atravesaron andando o mar de xeo, navegaron sete días terríbeis en botes abertos a comezos do inverno, 160 días nun bloque de xeo á toa, até daren coa illa Elefante. Ineludíbel, acharen algún punto habitado. Seis homes sairían no mellor dos botes para atinxir a illa de San Pedro, nas Xeorxias do Sur, após dezasete días de angustias e perigos que os conducirían á civilización.
A aventura de Anders en Groenlandia carece de toda a heroicidade, en termos clásicos, que posúe a de Shackleton e os seus homes. Os enfrontamentos do dinamarqués, as súas vicisitudes van ser diferentes. Choque de civilización, puntos de vista discordantes, paternalismo europeísta, problemas de integración... A lingua sepáraos, xa que o idioma da metrópole é coñecido moi parcialmente pola poboación local. Os costumes, a cultura propia, os labores ligados á vida no Ártico non son fáciles de asimilar para quen chega de Europa. Xa prevido pola funcionaria en Dinamarca, esta recoméndalle non aprender groenlandés; de pouco lle vai valer. Aínda que desde o momento que Anders comece a achegarse a eles doutro xeito –quere saber acerca do seu e aprende rudimentos básicos da súa lingua, é respectuoso co deles–, virase a producir o clímax narrativo, a aceptación na comunidade, logo de ser convidado a unha expedición de caza.
A voz Groenlandia procede da composición de dous lexemas pertencentes ao nórdico antigo: Grœnn ‘verde’ e land ‘terra’. Tense falado da posibilidade de que Erik ‘O Vermello’, primeiro poboador da illa, lle puxese tal denominación para incitar a xente a ila habitar. O seu suposto verdor atraería colonizadores que se asentarían máis facilmente que na rochosa, volcánica e pouco herbosa Islandia. Ora ben, entre o séc. X e XIV veuse producir tamén o chamado óptimo climático. A suba das temperaturas xeneralizada trouxo a desaparición de icebergs e xeo; a navegación fíxose máis fácil. Paralelamente, tampouco sería estraño que o seu territorio se puidese ver tapizado dese verdor.
Como homenaxe a ese mundo aventureiro e exótico, escribín en 2019 a novela A Rota do Oeste (Vestvegr en nórdico antigo), que era o camiño que emprendían os tardoviquingos cristianizados tanto a Jaksland como a Terra Santa. O seu protagonista será un poliédrico islandés, Gudmund Arnórsson, elemento referencial para rememorar ese pasado de primeiros asentamentos en Islandia, e das navegacións máis ao Oeste, como Groenlandia. Un islandés de hoxe, con problemas de hoxe; despois virá até as nosas costas para expiar as súas culpas no Camiño Inglés, cheo de intrigas, agasallos envelenados e sorpresas.
Segundo o Landnámabók, “Libro dos Asentamentos”, Erik ‘O Vermello’ descobre e poboa Groenlandia a partir de 982, unha vez expulsado de Islandia após ter cometido varios asasinatos. A illa dependeu do reino de Noruega durante catro séculos, asentándose a poboación na zona sueste e suroeste. Seica coexistiron pacificamente cos inuits. Mais a Pequena Idade do Xeo a partir do séc. XIV, así como a ausencia de contactos con Islandia, as pestes bubónicas, os hipotéticos enfrontamentos cos inuits, terían provocado a súa práctica extinción. A partir de 1721 sucédense os primeiros asentamentos dinamarqueses e os enfrontamentos co reino de Noruega. Tras moitas vicisitudes e conflitos posteriores entre diversos países colonizadores, en 1953 convértese en provincia de Dinamarca. En 1985 retirouse da UE por unha disputa sobre as cotas de pesca; goza de autogoberno desde 1979, ora a metrópole manteña o control dos asuntos exteriores.
Arrepía saber que a día de hoxe Groenlandia posúe unha das maiores taxas de suicidio do planeta. Os porqués xiran habitualmente arredor dunhas mesmas razóns: a ausencia de luz, o clima extremo, a soidade, a natureza bela pero intimidadora... Con todo, semella non existir ningún estudo que afirme haber menos suicidios no verán, pese ás case 24 horas de luz. As armas de fogo son normais; falamos dun pobo hábil na caza de renos, focas ou caribús. Porén, os suicidios máis comúns son por aforcamento. A partir dos anos 60 comezou a subir o número de suicidios até 1989. O proceso de modernización e occidentalización da illa, o abandono das actividades tradicionais de caza e pesca parecen ser factores chave.
A socióloga groenlandesa Maliina Abelsen manifestaba en certo xornal que en moitas outras sociedades colonizadas acontece o mesmo (aborixes australianos, maorís, indios americanos...). Despóxante da túa lingua, da túa cultura, da túa identidade, do teu sustento tradicional. O desarraigo, a frustración, a alienación provoca unha sensación de culpabilidade, a caída no alcolismo. Groenlandeses que foron traballar ou estudar a Dinamarca, ao seu regreso nin se sentían dinamarqueses nin groenlandeses de todo.
A socióloga cita a chegada case forzosa durante a década dos setenta de moitos pescadores e cazadores que se instalaron en Nuuk, a capital. Bo número deles sentiron que vivían nunha especie de zoo. Alén diso, o complexo de inferioridade con respecto aos colonizadores é outro dos factores que marca a ferro esta sociedade. Sociedade que, no entanto, disque está a mudar. As ansias de liberdade, nomeadamente nas camadas máis novas, pasan pola petición dunha maior autonomía ou mesmo pola independencia. Paradoxalmente, un coloso axexa agora ás portas da casa de cada groenlandés so a escusa da Doutrina Monroe. O seu soño, o dos groenlandeses, a súa incipiente reacción patriótica e anticolonial diluirase como unha entelequia, poida que para oprimir así máis se cabe o porvir do pobo inuit.