TERMAR DO LEME | Presentes para Reis

Historia en #Nordesía: Henrique Dacosta fala de dúas obras recentes, “Palabras como moscas”, de Antón Cortizas, e “Memoria histórica de Covas, Esmelle e San Xurxo”
TERMAR DO LEME | Presentes para Reis
Guillermo Llorca cun exemplar do traballo que coordinou | Emilio Cortizas

Falo do libro de relatos “Palabras como moscas”, do incansábel Antón Cortizas, e da “Memoria histórica de Covas, Esmelle e San Xurxo”, de plural autoría. O de Canido sorpréndenos cun feixe de 26 contos, cuxa extensión oscila entre un de 33 páxinas, para o caso do máis longo, e un de 5 palabras, para o máis curto. O neno que habita dentro de Antón Cortizas sérvese da imaxinación para regresar, por exemplo, á matriz do seu barrio por medio dunha viaxe simbólica, en “O recuncho”. O rapaz toma o nome de Retorno, que «Viñera alí, xa se sabe, para saldar unha conta coa súa historia.»


Son relatos profundamente descritivos en que asoman ecos de Otero Pedrayo, talvez polo profuso de símiles con obxectos, enumeracións, apreciacións cromáticas intensas, imaxes sensoriais... con que gozamos a cada treito lido. Así mesmo, son de notar as descricións botánicas, os tipos de madeiras, a calidoscópica luz de diferentes momentos do día, da tonalidade do mar, do ceo... e, sobre todo, a presenza da comicidade, da ironía, da ambigüidade, do xogo de palabras, tan en sintonía con esa pulsión con que, de xeito habitual, se tenta estimular a curiosidade infantil: «A infancia é a matria feliz de quen vive no pasado para renacer no futuro.»


Son diversos os eixos temáticos dos contos. O amor polos xogos populares, como no caso de “A mariola do xardín público” e no emotivo “Avións de papel”; a preocupación polo medio ambiente en “Vaganegra”; o noso ser máis antropolóxico en “A lenda de Lucerna”, en “Crónica de trasnos” ou en “A noite das caveiras”; mais tamén a fascinación pola maternidade, e polo sentido do humor de en “Xentes do meu país” para falar da existencia de 33 tipos diferentes de habitantes na Galiza, etc. Con todo, tal gusto polo xogo de palabras (aequivocatio, anfibioloxía, diáfora, diloxía...) ou outras enxeñarías verbais, vémolo no que dá título ao libro, “Palabras como moscas”: «[...] as palabras múscidas apáñanse como se apañan as moscas dípteras, con sixilo e rapidez.» A espléndida peripecia verbal de “A media muller”, coas voces e elementos compositivos media/metade/semi... vertebrando o sustento do relatado, antóllase outro máis dos enxeños. En suma, literatura de ficción e do máis estimulante, como acostuma ofrecernos Antón Cortizas.


Xa no segundo dos libros, “Memoria histórica de Covas, Esmelle e San Xurxo”, entramos na non ficción, ensaio, investigación mesmo. Dentro da colección de Edicións Embora da Biblioteca de Ferrolterra, fai o número 9. Baixo a coordinación de Guillermo Llorca, conta nesta ocasión coa participación de dezanove autores, entre os cales teño a honra de me incluír. As tres primeiras achegas mostran a historia deste territorio desde a época do neolítico até a cultura castrexa e algo máis recente. Así pois, son notábeis os topónimos como Medorras, Modia..., que remiten como fenómenos tumulares ao período do megalitismo, como nos refire J. A. Carneiro Rey. As escavacións de Tralocastro, artigo de Samuel Sión e J. L. Montero Fenollós, agora acabada a segunda fase, enmárcanse dentro do triángulo castrexo que forma xunto co de Lobadiz e o de Santa Comba, observándose como era a ocupación do territorio occidental do municipio de Ferrol durante a Idade do Ferro. A ermida de Santa Comba, igrexa cenobial, é estudada por Fernán Gómez Filgueiras, cun interesante estudo sobre a tipoloxía da construción, a habitación, restos achados nela e na contorna, etc. 


Deléitanos despois J. López Hermida cun pormenorizado artigo sobre a minaría en Covas, desde a mina prerromana de Covarradeiras até as Mines de Cuivre du Ferrol e as prospeccións de ferro en Pena Roiba. De non menor interese é o estudo sobre a caza da balea, que se remonta aos predecesores vascos, alén das noticias documentadas do “porto do Prioiro”, dependente da congregación da Reparata. Seguidamente, Margarita Sánchez Yáñez escribe sobre as peculiaridades de Covas, Esmelle e San Xurxo segundo o Catastro do Marqués de la Ensenada de 1752, o que nos vén dar unha idea bastante aproximada de como debía ser o tecido socioeconómico das tres entidades poboacionais. Achegándonos máis á actualidade, a memoria oral da pesca, nas voces de Benito López Díaz e Ángel del Río, é unha excelente contribución por parte de Ernesto López Naveiras sobre o desenvolvemento das técnicas e artes de pesca no mar de Covas. Outro digno oficio, totalmente feminino, foi o das leiteiras. De longa tradición en Covas, algunhas destas mulleres entrevistadas, Lita López, Isabel González, Marina Beceiro ou Josefa López, son mostra deste durísimo traballo: muxido, carreto até Ferrol –a pé nos primeiros tempos– e venda por rúas e casas. Fálase de conflitos anteriores a elas por causa dos impostos, medidas e consumeiros. O artigo débese á habelencia de Ánxela Loureiro. Do aproveitamento da auga en Esmelle, dos muíños (industriais, familiares e atandados), e das fontes e lavadoiros, fálanos por extenso Paulino Gasalla. 


Outras achegas tratan sobre montes en man común e paisaxe do Prioiro, como no caso de Juan Rodríguez Silvar. Do agrarismo, que á calor do que sucedía no resto de Galiza nos anos dez do século pasado, tamén tivo predicamento na nosa aldea, como nos conta Eliseo Fernández; pero, así mesmo, o movemento obreiro nacido na explotación mineira. O asociacionismo cultural de Covas, Esmelle e Marmancón ten igualmente cabida, da man de Germán Castro e de J. López Hermida, ademais do Centro Campesino de Cultura que nace en 1913 baixo a presidencia de honra de Alejandro Lerroux. A loita pola apertura da estrada a Covas desde Ferrol, estudado por Germán Castro, así como a visita do alumnado do mestre Juan García Niebla ao cabo Prioiro, actividade innovadora e revolucionaria no ensino. Mais tamén está o lecer dos cinemas rurais, nacidos de vellas salas de festa, estudado por Aurora Vázquez Aneiros. 


A singularidade dos nomes das casas de Covas (baseados en alcumes, apelidos, nomes propios, oficios, toponimia...), estudo elaborado por Marta Corral, que se asocia ben co meu traballo sobre a toponimia parroquial, e que, á súa vez, volve ligar á perfección coa idea de “Covas como territorio literario e xornalístico”, da autoría de Guillermo Llorca, coa paisaxe, a sociedade, o traballo, etc. como atributos do seu particular cosmos literario. E asemade relevante, mais relacionado agora con aspectos construtivos, achamos o estudo dos elementos de arquitectura tradicional (chamineas, portalóns, lareiras, pozos...), elaborado por Santiago Sánchez de Toca; a edificación do faro, acontecido a mediados do séc. XIX, até ser automatizado ao final do séc. XX; e as defensas de costas, a súa evolución histórica, con especial atención ás baterías do primeiro terzo do século pasado. 


Dous libros, dúas espléndidas publicacións dadas ao prelo por Edicións Embora que, non teño dúbida, haberán de facer as delicias de non poucos conterráneos e de quen quixer achegarse a eles.

TERMAR DO LEME | Presentes para Reis

Te puede interesar