Un bo filme con boa música

ai unhas semanas, Luís Tinaquero, o meu excelente –así o vexo, sen retórica ningunha– profesor de ukelele, preguntoume ao acabar a clase se xa fora ver “A Complete Unknown”, o último filme sobre Bob Dylan. Respondinlle que aínda non e comentoume que acababa de ir vela e que lle encantara, que non a podía perder, porque eu tamén ía gozar. E así foi. Este mércores pasado, despois do ukelele, aló marchei para a sala dos Cantóns onde a proxectan. Paseino de marabilla. Tanto é así, que nun determinado momento me deu por mirar a hora e quedei pasmado cando vin que transcorreran dúas horas pasadas, que me pareceran pouco máis dunha.


O habitual é que vaia ao cine coñecendo apenas datos do filme que vou ver. E non é por medo a ir influenciado por calquera reseña, pois non son dado a iso. Mais é a posteriori cando procuro informarme daqueles aspectos –de todo tipo– que me interesaron. E por iso sei agora –non antes de ver a película–que o guión está baseado na obra “Dylan Goes Electric!: Newport, Seeger, Dylan, and the Night That Split the HSixties” (2015), do cantante e xornalista Elijah Wald. Sei tamén que James Mangold –co-autor dese guión, con Jay Cocks– contou coa colaboración de Dylan, que mesmo lle anotou o guión e confirmei –reparei niso cando Johnny Cash aparece polo Festival de Newport– que fora o director de “Walk the Line” (2005), o filme sobre a vida de Cash, que lle valera o Oscar a Reese Witherspoon pola súa interpretación de June Carter e o Globo de Ouro a Joaquin Phoenix, pola interpretación do cantante. Lembro que gustara desa película, sen ter sido seguidor de Johnny Cash.


De Dylan xa é outra cousa. Sen poder considerarme un dylaniano de pro, debo dicir que teño escoitado moito Dylan. Practicamente desde a aparición dos seus discos en Ferrol. Maioritariamente na súa propia voz, mais tamén na doutros e doutras intérpretes: Peter, Paul & Mary, The Byrds ou Dino, Desi & Billy. Mesmo conservo un EP, de 1965, deste trio xuvenil, que contén o “Mr. Tambourine Man”.


Recordo moitas horas da adolescencia escoitando música na casa familiar de Vicente Araguas, na última planta dos almacéns Rafael y Vicente, fronte ao lateral de Correos, por un lado, o edificio Romero, por outro, e en diagonal co Jofre –edificios ambos da autoría de Rodolfo Ucha–, sala que moito nos acolleu desde os anos infanto-xuvenís.


E falando de Ucha, aquí compre unha lembranza emocionada dun seu neto que nos acaba de deixar: o amigo Manolo Galán, compañeiro de clase nas Discípulas, hai case setenta anos, de breves conversas nos descansos dos partidos na Malata e doutras cousas. Todo o meu cariño para o seu recordo e para os seus.


Daquelas audicións en casa da rúa da Igrexa –“Blowin’ in the Wind”, “Like a Rolling Stone”, “The Times They Are A-Changin’” e por aí– a hoxe moito Dylan ten pasado polos meus ouvidos. Teño unha relativamente nutrida discografía súa; levo temas seus na música do carro; téñoo visto en directo un par de veces: en Madrid –onde coincidín co Araguas e súa filla Andrea– e en Santiago- e aprendín, ou estou aprendendo, a tocar no ukelele algunha das súas cancións: “Blowin’ in the Wind”, “Knockin’ on Heaven’s Door”, “Farewell”, “Angelina” –na versión rumbeira de Los Payos– e “I Want You”.


Convídoos a ver o filme convencido de que gustarán.

Un bo filme con boa música

Te puede interesar

Fernando Jáuregui
José Castro López
Enrique Barrera Beitia
Fernando Jáuregui
José Castro López
Enrique Barrera Beitia