Caída da natalidade, desigualdade e precariedade

Chama a atención que os organismos económicos internacionais, por exemplo o FMI, que deberían ter unha visión xeral do estado da economía e das medidas a tomar para dar unha resposta axeitada, reflictan na maior parte das súas análises con criterios dunha empresa privada, onde o emprego e a produtividade son subsidiarios do incremento da produción-vendas e dos beneficios. 
Daquela que nun recente informe sobre a América Latina poñen o acento na caída da taxa da natalidade e de como esta vaise reflectir no medre do PIB, sen ter en consideración a relación directa entre demografía-produción-condicións laborais-prestacións públicas-urbanización-infraestruturas-ecoloxía,... Ou sexa: substentabilidade e calidade de vida.


Sen dúbida cada continente-rexión-país, ten as súas prioridades dentro destes retos globais comúns. Por exemplo a cuestión demográfica é un problema de primeiro orde. Nuns países, non por casualidade aqueles con PIB máis baixo, como consecuencia da desfeita ecolóxica, da violencia, e dunha actividade produtiva moi primaria da maioría da povoación, agás en sectores de enclave dinámicos e con dependencia externa. Agora ben esta tendencia regresiva demográfica é aínda moito maior nos países centrais do sistema, especialmente na súa periferia máis próxima cando está relegada a un papel neocolonial, como acontece na Galiza. 


Neste caso a caída demográfica debese aos cambios de prioridades sociais, ao individualismo, e moi esencialmente á perda do valor adquisitivo dos salarios, á extensión da xornada real, e daquela a caída da natalidade e alento da migración,... ao investimento exterior do capital producido. 
A globalización neoliberal aumentou a produtividade en moitos países da periferia, mesmo permitiu a súa industrialización, mais a uns custes que se van ter que pagar durante décadas (precariedade, desigualdade, desfeita demográfica e ecolóxica, perda de diversidade cultural e lingüística...). O principal resultado foi ampliar o aumento dos beneficios das grandes corporacións e fortunas, tanto reducindo custes laborais (en todo o proceso) como apropiándose do mercado daquelas empresas que non podían competir na produción globalizada. 


A centralización e concentración da riqueza chegou a tais niveis que a esta altura condiciona governos, non só na periferia, senón no propio centro do sistema, como é o caso da Unión Europea. Un camiño regresivo que só se pode reverter con economías auto-centradas, mobilización e democracia, soberanía nacional, xustiza social, solidariedade, paz... e sobre todo con protagonismo popular... 

Caída da natalidade, desigualdade e precariedade

Te puede interesar