A cruz dos caídos de Neda

Pleno da corporación municipal de Neda vai tratar a eliminación da Cruz dos Caídos, que foi inaugurada o 17 de decembro de 1939, cumprindo un acordo da Xestora Municipal de 3 de outubro dese ano, presidida por Gerardo Luaces.


Os medios de comunicación da época informaban da inauguración da “cruz erigida en memoria de los caídos en el Glorioso Movimiento Nacional”. O monumento leva a inscrición de “Presentes!”, o nome de “José Antonio Primo de Rivera” e a continuación unha relación de 31 persoas que faleceron participando no exército sublevado o 18 de xullo de 1936 contra o goberno lexítimo e democrático da República: Cruceiro Baleares, Batallas de Teruel, Ebro, Jarama etc.


Esta Cruz dos Caídos, como outras moitas que se levantaron en toda España, é un monumento franquista de exaltación de todas as persoas do bando gañador da guerra, honra a súas vítimas e esquece e humilla ás persoas asasinadas ou que morreron en defensa da democracia e da liberdade.


Debería haber sido retirada desde a aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007 e con moitos máis argumentos coa Lei de Memoria Democrática de outubro de 2022, que sinala no seu artigo 35.1: “Considéranse elementos contrarios á memoria democrática as edificacións, construcións, escudos, insignias, placas e calquera outros elementos ou obxectos encostados a edificios públicos ou situados na vía pública nos que se realicen mencións conmemorativas en exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar e da Ditadura, dos seus dirixentes, participantes no sistema represivo ou das organizacións que sustentaron a ditadura, e as unidades civís ou militares de colaboración entre o réxime franquista e as potencias do eixo durante a Segunda Guerra Mundial”.


Ferrol retiraba a Cruz dos Caídos da praza de Amboage o 8 de xullo de 2010, sendo alcalde o socialista Vicente Irisarri (goberno PSOE e EU). E Fene retiraba en 2007 a Cruz dos Caídos que estaba xunto á igrexa do Divino Salvador de Maniños, inaugurada en 1953. O alcalde socialista Iván Puentes declaraba cando se retiraba ese monumento franquista: “Temos que limpar, por decencia e xustiza, os nosos pobos de todo tipo de exaltación franquista”.


Por outra parte, son numerosas as cruces retiradas en toda España, moitas delas con alcaldía socialista: Petrer (Alacante) alcaldía do PSOE; La Pesga (Badaxoz), alcaldía do PSOE; Palma de Mallorca, alcaldía do PSOE; La Vall d´Uixó (Castellón) alcaldesa do PSPV-PSOE; Aguilar de la Frontera (Córdoba) alcaldía de IU; Bemamejí (Córdoba) alcaldía do PSOE. En Cáceres continúa unha cruz dos caídos e o Goberno de España (PSOE e Unidas Podemos ) comunicaba que se debe retirar porque “contribuye a perpetuar el recuerdo del odio y el enfrentamiento entre españoles en contra del modelo constitucional de convivencia”.


Un dos casos máis significativos foi a retirada da cruz dos caídos de Callosa de Segura (Alacante), cando o PSOE tiña a alcaldía, despois de moitos anos de resistencia da dereita, pero finalmente foi retirada en xaneiro de 2018, despois dunha sentenza do Xulgado de Elche de 15-11-2018, que desestimaba o recurso da Plataforma Cidadá en Defensa da Cruz que alegaba que se vulneraba o dereito á liberdade relixiosa. Sinalaba a xuíza que “la cruz fue erigida en honor y memoria de los vecinos de Callosa pertenecientes a la facción que resultó vencedora en la guerra y, por ello, se le debe atribuir una significación marcadamente política, con una finalidad distinta de la estricta manifestación de la fe católica”.


Castelló, alcaldesa do PSOE, retiraba a cruz franquista despois de catro anos de contenciosos xudiciais. En 1979 cambiouse o lema “Caídos por Dios y por España” por “Víctimas de la Violencia”, mantendo a cruz. Pero coa aprobacións da Lei de Memoria Histórica non podía admitirse esa resignificación ou “tuneo” e o conxunto escultórico foi retirado en xullo de 2021. A responsábel municipal de Memoria Democrática, Verónica Ruiz manifestaba: “Esta no es una cuestión de cruces, sino de monumentos a la dictadura que no fomentan la democracia y se han de quitar de la vía pública”.


Por último, Rafelbunyol (Valencia), alcaldía do PSOE, retiraba unha cruz que tiña os nomes de 39 veciños dese concello caídos por “Dios y la patria”, é dicir, cando combatían no Exército sublevado, situación moi parecida á de Neda.


Os tempos son chegados e creo que o concello de Neda debería aprobar xa a retirada desa cruz dos caídos. Aprazar máis esa decisión derivando o tema a unha Comisión Municipal de Memoria Democrática (acordada a súa constitución en xuño de 2017), non sería máis que expresión de falta de vontade política, aínda que se disfrace de fomentar a concordia, un incumprimento da lei, unha humillación para as vítimas do franquismo e un desprezo da súa dignidade, que non podemos consentir. Decisión política que debería ir acompañada dun acordo plenario para honrar cun monumento ás catorce persoas que naceron ou residían en Neda e foron asasinadas ou paseadas polo franquismo. Verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición. 

A cruz dos caídos de Neda

Te puede interesar