O pasado martes tivo lugar a primeira sesión dos encontros Coruña Marítima, talleres participativos nos que se debate sobre o gran reto do futuro da cidade: a fachada marítima desafectada polo porto exterior. As administracións implicadas, de distinta cor, teñen o esbozo dun plan, xa coñecido, pero antes de concretalo escoitarán máis voces da sociedade civil. Ben.
Hai bastante acordo entre o goberno municipal do PSOE e a Xunta do PP, principais actores, xunto a Puertos del Estado, Deputación e Autoridade Marítima. Obviamente son negociacións, co que o resultante dese proceso incluirá cesións das partes, así é a democracia, bendita sexa. Falta por saber a posición do terceiro actor partidista, o BNG, polo de agora algo reacio ao consenso maioritario.
En definitiva, é tempo de propostas para os terreos do porto. Moitas foron publicadas nos medios, ademais do xa en marcha –aí está a Fundación Marta Ortega ou os exitosos festivais de verán– pero queda a plasmación máis ou menos definitiva. Trátase dunha oportunidade única, con liderado do progresismo da alcaldesa Inés Rey e tamén –con boa avinza ambos desde as diferenzas– de Alfonso Rueda e a Xunta, que desta si parece crer na cidade motor do país, da que tantas veces desconfiou o poder autonómico.
No respectivo a este autor, as achegas mandounas onde lle corresponde, pero tamén quere, e pode, trasladalas ao debate público. Por exemplo, sobre equipamentos culturais. Xa se fala dun –para entendernos–novo Coliseum que modernice e amplíe o éxito da cidade en grandes eventos, e Amigos de la Ópera propón un novo espazo para a música clásica. Pero pode haber máis. Van aquí dúas propostas, unha local, outra ademais galega, ambas con enganche mundial.
A Coruña presume dunha Historia alucinante, aberta ao exterior, capital en Galicia e de tradición vangardista e ilustrada, como somos hoxe. A cidade coida ese pasado de múltiples formas, como nas Casas-Museo (María Pita, Picasso, Casares Quiroga), no fascinante Arqueolóxico do Castelo, ou na Torre. Pero, se cadra, hai que ir a máis, falta unha Casa da Cidade (ou Casa da Coruña), que non pise os equipamentos citados pero que interactúe con eles e amplíe a rede, con novas achegas, innovadoras exposicións fixas ou temporais e maior capacidade de estudo, eventos e difusión de coruñesismo.
Hai capacidade nos terreos do porto para unha Casa da Cidade que tamén unifique actores agora necesitados de máis espazo. Por exemplo, aí poderían emprazarse xuntos o Arquivo Municipal, a Biblioteca de Estudos Locais, o Instituto Cornide e o que xurda, activándoos en especial cara a rapazada. A identidade da Coruña nace no porto, aí debe ter o seu gran punto de encontro académico e popular.
Na segunda proposición lembramos que a Historia de Galicia –co enorme peso coruñés– tamén, obvio, é moi destacable, nada que ver cos tópicos que nos reducen desde fóra e desde dentro. E, sobre todo, é internacional. Falar deste país é facelo da nosa influencia e centralidade no planeta. Nada de periferia, abran un mapamundi e comprobarán que estamos no centro. Somos moi relevantes na historia europea e americana. Triunfamos en calquera sitio. Cómpre ensinalo.
Do porto da Coruña saíron desde emperadores a Alemania a emigrantes da Costa da Morte cara América. Non existe ubicación máis acaída para un Museo Internacional de Galicia, que conte a nosa intensa pegada global e tamén a nosa gran epopea. Porque iso, unha fazaña, foi o que os galegos e galegas protagonizamos como viaxeiros e coa emigración, malia que aínda siga moi estendida a curta visión dos que se refiren a ela unicamente en términos tráxicos. Por iso aquí falamos dun Museo Internacional de Galicia, non só dun “Museo da Emigración”. Fagamos de ambos relatos un só, de orgullo. Sexa Exeria en Constaninopla, Raúl Alfonsín presidindo Arxentina, María Casares en París, o téxtil triunfando en Australia, os gransoleiros bautizando illas en Irlanda, as nosas clases traballadoras emprendendo en Newark, Obdulio Muíños Varela marcando para Uruguai o gol do Maracanazo ou Pucho Boedo enchendo o Hammersmith Odeon de Londres.
Hai dúas referencias interesantes neste sentido. Unha, o museo EPIC de Dublín. Outra, a expo comisariada por Manuel Gago en 2021 na Cidade da Cultura. Galicia ten unha débeda co seu propio relato, por iso é o momento de dispor dun Museo Internacional da nosa Historia, en positivo, didáctico, moderno e euforizante, no que apareza o país todo polo planeta completo. Non existe mellor ubicación que os terreos portuarios da Coruña, na Cabeza do vello reino, ao pé do Atlántico. A carón da Casa da Cidade. Dito queda.