Eu tamén navegar

Tres cidades marcaron de maneira indelébel o devir da poeta, novelista e dramaturga Xohana Torres. Santiago de Compostela, onde naceu o 22 de novembro de 1931, Ferrol e Vigo, onde viviu moitos anos, faleceu e está enterrada. Aproveitemos o aniversario do seu natalicio para soñarmos por un momento.


Regresa Xohana Torres a Ferrol. Camiño de volta ao seu Lorref. E a dona dos mapas faino, non podía ser doutra maneira, por mar. Unha travesía desde Vigo ao Golfo Ártabro. Navegando a barlovento bordea as illas Cíes, paraíso natural da ría viguesa. Seguindo o Arco Atlántico marca rumbo ás coordenadas xeográficas que a levarán á cidade na que pasou a súa infancia e mocidade. Vexamos o que deixou escrito nos seus cadernos de bitácora “Eu tamén navegar” e “Ferrol, corazón de navío”:


“Enfiamos o estreito pola boca da ría entre os castelos de San Felipe e A Palma, as ruínas do de San Martiño, o forte do Segaño, cun posto de vixía. Paso A Graña e os fortes. Ao pé do monte Brión esbara a néboa. Volvo contigo á miña orixe. Todo o aprendín aquí, Lorref, na onda. Ouh, Lorref, corazón de navío, dique grande de todos”.


“Eu vivín moitos anos no bairro de Canido, batido polo vento nos seus catro costados, casas no alto, rúas estreitiñas, o Cristo do cruceiro, a fonte da Tafona… Entón cantaba para nós unha sirena.”


“Polo horizonte sempre cruzaba un barco e as fiestras enmarcaban xeometrías de guindastres, mastros, bandeiras. Na parede, o almanaque de taco de Miguel Maristany, Efectos Navais, da rúa San Francisco, coas lúas e as mareas e os ortos e os ocasos en puntual suceso. Detrás dos muros brancos do Arsenal cabeceaban os paus do Galatea e chiaban as gaivotas.


O porto de Lorref son recordos da frota de bacallau, da fábrica de xeo e o carro –un vello e un cabalo canso– coa mercancía de reparto a gotear no asfalto”.


“Ao calor das aulas ensinaba o profesor Carvalho Calero o asunto do substrato dos oestrimnios como o noso fondo étnico, digno de terse en conta. E, sobre el, os celtas invasores, xentes da emigración e factor importante da cultura dos castros”.


“Abandoado o porto/ quedará para o vento/ quizais algunha vela?.../ Lorref ultramarino, polo menos,/ acompáñame ao sul,/ anégame de acacias”.


Pois falando de plantas, Xohana, a muller navegante namorada de Galiza, comprometida desde nena coa lingua que lle aprendeu súa avoa Lola, amaba as hortensias.


Nuns versos recollidos na súa derradeira obra, “Últimas tardes con Xohana” escrebe “Eu necesito hortensias/ igual cos andaluces as olivas”. Este é o motivo de rematar este artigo ofrecéndolle simbolicamente un ramo de hortensias azuis e brancas, e tomando prestada a frase do seu editor Xosé Fernández Puga: Xohana Torres, Sempre Viva, Sempre Poeta! 

Eu tamén navegar

Te puede interesar