Festa

Cando penso nunha festa ven a miña memoria a canción de J.M. Serrat titulada así “Fiesta”: Gloria a Dios en las alturas/ Recogieron las basuras/ de mi calle ayer a obscuras/ y hoy cubierta de bombillas.../ na que o cantante fai un espléndido exercicio de sínteses na definición do concepto.


A xente está ávida de festa logo da reclusión de dous anos provocada pola maldita pandemia. Había gañas de que a vida volvera a ser o que era malia a seguirmos arrastrando certas secuelas desa situación anómala que nos trouxo pola rúa da amargura. E aquí está de novo a troula colectiva para situarmos na nova normalidade da que tanto nos falaron.


Na miña vila retomouse a xa tradicional “Festa do Polbo” que xurde co gallo de promocionar a materia prima do prato característico dá gastronomía local, e unha vez máis volveu a reunir multitudes.


Non teño reparo en confesar publicamente que non son un avezado seguidor destas rexoubas. Supéranme estas cousas quizá porque xa vou vello e non me sinto cómodo nas aglomeracións, pero entendo perfectamente que outras persoas se atopen felices dentro deste contexto festivo, así que benvidas sexan se as maiorías desexan formaren parte da algarabía festiva.


Cheguei a casa pola noite, tarde, cando pasaran bastantes horas da degustación na carpa do peirao, e a miña vila estaba convertida nun macro-botellón onde centos de rapaces e rapazas bebían alborozados na rúa que presentaba un aspecto deplorable, chea de ciscallos. Por fortuna non se produciron incidentes serios, agás unha intoxicación etílica nunha nena de trece anos (reparen na idade) e mexadas nos portais protagonizadas por individuos coa vontade perdida, un dos cales mordeu no peito a un home que trataba de botalo do seu cuberto. Foi o que me contaron.


Un amigo, mugardés residente en A Coruña que leva vinte anos seguidos achegándose á vila nestas datas dixo: ata aquí, isto xa non é o que era !! E realmente será difícil cambiar o “chip” se segue prevalecendo a idea de que hai que rematar a cousa bebendo o que non está escrito ata perder o control, como di esa canción de “Los Secretos”. Será certo que o viño fará esquecer as penas...segundo o brinde da famosa zarzuela “Marina”? Alguén cree realmente que un individuo en plena borracheira se está divertindo? Aí déixoo.


Aposto decididamente pola Festa do Polbo polo que representa e reivindica, porque moita, moita, xente acude a ela para divertirse en paz, en familia e cos amigos. Ora ben, o da noite era un balbordo monumental, unha bebedela colectiva coa Festa do Polbo como escusa. Había que velo.

 

Festa

Te puede interesar