Garzón e a carne

icíanos, cando acudir á catequeses era un acto de obrigado cumprimento, que os inimigos da alma eran: o mundo, o demo e a carne, o que quería dicir que non deberamos amar ao mundo, non caer na tentación da carne, e que era unha obriga loitar contra o demo. A primeira norma é a que tivo máis éxito porque amar ao mundo está lonxe da realidade. O de loitar contra o demo difícil está: ¿contra que demo? Porque demos hai moitos ao noso derredor e non daríamos abasto, e da carne pois que lles vou contar: algo contranatural e inhumano. E non sei a que ven todo isto, pero dito queda.

Ah, si: a carne que nunca mellor dito está no asador, pero a carne de comer, non a outra. Claro, somos omnívoros, comemos todo o que senos pon por diante e aínda o ser humano non perdeu a costume de comer todos os días. Demandamos comida e diante dunha gran demanda ten que haber unha gran oferta e as veces o da oferta pódesenos ire das mans como é o caso da carne.

O ministro Garzón é un home discreto, apenas sae na prensa, tan discreto que dá a sensación de que traballa pouco. Estes días converteuse en carne de canón, nunca mellor dito, por dicir catro verdades respecto as chamadas “macro granxas”. É certo que hai certezas que matan, que feren no máis fondo dos intereses dos que trafican coa carne. O ministro Garzón non reparou que na política non convén dicir a verdade, que por un puñado de votos hai que terxiversar o que é certo, o que moitas veces conduce a traizoar a propia ideoloxía sobre todo a que vai dirixida ao ben común e non ao beneficio duns poucos.

O problema das macro granxas non é só andar na procura dun benestar dos animais “almacenados” por miles e cebados nunhas condicións abraiantes, non é iso só: é velar tamén pola salvagarda da saúde dos outros animais: nós.

Ao final todo se reduce á lei do mercado: para que o produto abarate o seu prezo e chegue a máis xente debe producirse en cantidades “industriais” de aí que aparezan esas factorías de carne cun impacto ambiental que ninguén medianamente informado discute agás unha oposición cuxo mérito é poñer atrancos.

É un problema a estas alturas de difícil solución dentro da dicotomía oferta e demanda. Falou o ministro e caéronlle aguillóns de punta, pero haberá que regular os permisos, inspeccións e funcionamento desas “cárnico factorías”. Xa sabemos que nunca chove a gusto de todos, pero grandes trebóns pódennos colleren nas verzas. Poñérmonos a bo recado éche cousa de todos, incluso do ministro.


Garzón e a carne

Te puede interesar