Guerras e vítimas

A historia da humanidade basease nunha sucesión interminable de conflitos coas armas de protagonistas: arelas de conquistas, soños de dominacións e supremacía dos que amosaron máis músculo. Así foi, así é e poucos dubidan de que así será. Para os que caeron nesas contendas rematou todo, non houbo prosperidades prometidas nin se cumpriron os soños dun mundo mellor. Os caídos dos vencedores e vencidos pasaron a seren nada, se acaso unha fútil lembranza que prevalece máis nunha banda que na outra. Éche a lei dos dominadores sobre os dominados.


Lembrarán perfectamente as cabeceiras dos xornais cando comezaba a invasión de Ucraína polos exércitos rusos de Putin. Todos eran rexeitamentos á agresión e mostras de solidariedade co pobo invadido. A traxedia comezou o 23 de febreiro e o prognóstico apunta a que pode durar como seis meses máis pola resistencia “numantina” do pobo ucraíno. Voten unha ollada aos xornais de hoxe en día e vexan que espazo ocupa neles esta desigual contenda, e non é polo desleixo dos medios, éo porque para a maioría dos lectores vai perdendo interese informativo. Se acaso arestora o que preocupa máis son as consecuencias que esta contenda pode ter fora da raia de Ucraína, como que non nos cheguen produtos que aquel país exportaba a os que non son autosuficientes, por exemplo, coma o noso. Iso é o que importa realmente, moi por enriba dos máis de 80.000 mortos que forman parte da sinistra estatística. Os caídos dun e doutro bando (convén ter en conta que moitos rapaces rusos non volverán aos seus fogares) importan pouco con tal que non se corte a occidente o envío de trigo, semente de xirasol, etc, e outros produtos ucraínos necesarios para o noso consumo e desenrolo, o mesmo que o gas do subsolo ruso. Ande eu quente e ríase a xente!


Só de vez en cando aparece unha imaxe que nos conmove, que reactiva a nosa conciencia aletargada, coma esa fotografía dun pai axeonllado na rúa collendo a man do cadáver do seu fillo de trece anos, mostra palpábel da crueldade dunha guerra motivada por un afán de reconquista onde os intereses económicos prevalecen sobre os das persoas. Tal vez esa foto reciba un premio en occidente. Unha foto así poderá lembrar a miles de pais que perderon a miles de fillos nunha guerra que non vai con eles, pero non tardará en pasar á carpeta do esquecemento. Ao fin de contas as guerras consiste en poñeren sobre un prato da balanza os suficientes mortos para que se incline dun lado e, unha vez acadado o obxectivo, esquecerse sobre todo dos que a perderon. Diso nós sabemos un pouco.

 

Guerras e vítimas

Te puede interesar