Un dos recordos máis marcados que teño da infancia é o de ter anxinas cada vez que mollaba os pés, cousa moi frecuente no Ferrol de mediados do pasado século. Lembro tanto os pesadelos que tiña debidos á febre, moi alta, como a cantidade de inxeccións que me poñían para baixala e curar a infección. Non gustaba nada de que me pincharan e montaba barullos que tampouco esquecín. Todo cambiou cando me extirparon as amígdalas, operación moi recorrente naquela altura, máis que, teño entendido, que en anos posteriores se tentaba evitar. O caso é que a min me tocou amigdalectomizarme e os días de cama e febre acabaron. Foron rarísimas as ocasións en que encamei desde aquela a hoxe. Debín padecer gripe –levadeira– dúas ou tres veces e por aí resfriados leves.
Curiosamente, levo unha semana con síntomas de enfermidade vírica –tos, molestias estomacais...– que por momentos provocan un aumento discreto da temperatura. Onte non estiven aló moi ben e, aínda que estou convencido de que será algo transitorio e nada grave, preferín quedar na casa e non acudir ao campo da Malata para ver o enfrontamento do Racing contra o Eibar. Nin sequera baixei velo ao meu bar de referencia, o Xentes, no paseo do Burgo, onde me poñen os partidos do Racing, mesmo sen ter que pedilo. Un pracer. Conformeime con seguilo pola internet ata o 0-0 final. Noutra situación sería un resultado para celebrar. Porque o Eibar é un equipo que xoga ben. Vino gañar a semana pasada contra o Almería, outro equipo que xoga, e para ascender. Mais na situación actual do Racing, todo o que non sexa gañar é un mal resultado. E a polos bos resultados ten que saír no resto de partidos que quedan para finalizar o campionato. E logo xa se verá que pasa. É o que me di o meu carácter optimista. Eu vou estar aí, acudindo puntualmente ao campo, como o seguidor fiel que sempre fun. E teño papado moita terceira.
Logo, á tardiña, como o acto era en salón pechado, illado do frío que nos invade, acudín a escoitar a magnífica conferencia “Carolina Casanova, do Covent Garden a Culleredo”, coa que nos obsequiou Carlos Pereira –ata hai nada, que a todos e todas nos chega a idade de xubilación, historiador do Concello de Culleredo– en Villa Florentina, a casa de veraneo, ao pé da fraga de Cecebre, de Wenceslao Fernández Flórez, hoxe sede da Fundación que leva o seu nome. Como é sabido, aínda que, como a tanta outra xente, non se lle teña dado a relevancia que realmente tivo, a excelente soprano Carolina Casanova –ou Carolina Cepeda, cando utilizou o apelido do seu primeiro marido– naceu en Ferrol, localidade na que, de adolescente, comezou a cantar. Logo a súa voz enchería os máis significados espacios teatrais de medio mundo: cidades de Brasil, Perú, Uruguai, Arxentina, Chile, Cuba, Italia, Francia, Portugal, Rusia, Suecia... e de España, interpretando obras de Bellini, Verdi, Gounod, Mozart, Rossini, Wagner...
Todo aderezado de boa música moi ben interpretada pola soprano Susana de Lorenzo e o pianista Rupert Twine.