A memoria

Que complicado é isto da memoria! A memoria permite almacenar e codificar información que ten que ver co pasado. Pero moitas veces é voluble e cada un vai lembrando e contando segundo o que lle convén. Hai tantas memorias como individuos e incluso a que dicimos colectiva non é unha memoria global senón que ten que ver cos grupos e xa que logo calquera deles vai a expor a propia.


Ven todo isto a conto porque levamos tempo falando de “memorias”: “ Histórica”, “Democrática”... Poñerlle apelidos á memoria éche dabondo arriscado. Por qué? Porque sempre haberá quen poña en cuestión a memoria dos que ten enfronte ideoloxicamente falando. Por exemplo, si se crea unha comisión para honrar ás vítimas do franquismo haberá outros que axiña se apresuren a diciren: e por qué non as vítimas de Paracuellos? Evidentemente vítimas son todas, pero unhas tiveron recoñecemento, case coma heroes, en agradecemento a daren a vida por Deus e por España. Aí estaban con nomes e apelidos as “cruces dos caídos” repartidas por cidades, vilas, aldeas e placas nas igrexas mentres as outras vítimas pasaron a seren “cucarachas rojas” cuxos restos, moitos (uns 100.000), están aínda hoxe desaparecidos.


Por iso é fundamental recorrer a esa memoria que forma parte das neuronas da historia e, unha vez enlazadas por medio da sinapsis, ver como se desenvolveron os feitos, a verdade sen que a contaminen os revisionismos sempre dispostos a desvirtuar.


Algo sen dúbida fixemos mal cando a estas alturas aínda andamos pedindo recoñecemento ás vítimas do franquismo, cousa que se debeu facer hai moito tempo.


No 1970 Willy Brandt colocou unha coroa de flores no memorial ao Levantamento do Gueto de Varsovia na honra dos xudeus asasinados en Polonia polos nazis e axeonllouse diante del. Un xesto , a veces, vale máis cun feixe de palabras. Aquí oitenta anos despois do golpe de Estado e logo de corenta anos transitando pola democracia xurdida dunha Transición que moitos cualificaron de “modélica”, aínda esperamos un xesto. Pero en realidade somos un pobo que camiña daquel horror do xenocidio franquista a un silencio interminable, como manifesta Juan Miguel Baquero no seu libro “El Pais de la Desmemoria”.


“Paz, Piedade, Perdón” foi aquel discurso de Manuel Azaña en Barcelona no ano 1938 cheo de boas intencións. A esas tres verbas habería que engadir ...”Reparación” que logo de tanto tempo nin está nin, polo visto, se lle espera. Lei do silencio, e non convén esquecer que aquel que cala, outorga.

 

A memoria

Te puede interesar