No día de San Xiao

sistín con verdadeiro pracer ao acto que se celebrou no teatro “Jofre” o pasado día 7 como colofón as festas do Nadal no que institucionalmente facíase recoñecemento a entidades e persoas que no desenvolvemento das súas actividades colaboraron a que a vida da cidadanía fose mellor. Aledeime especialmente polo premio concedido ao meu amigo Germán Castro Tomé, home envolvido sempre no mundo da comunicación escrita que foi, hai disto máis de vinte anos, o que me brindou a oportunidade de poder contar as miñas cuitas todos os domingos no xornal “Diario de Ferrol” que el entón dirixía. Fundador tamén e hoxe presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol ao que pertenzo dende hai tempo. Resultou un acto moi áxil e moi ben conducido, coa mestría que lles caracteriza, por Irene Lamas e o seu compañeiro


Quixera determe no apartado musical e isto quizais pode que se deba a miña “deformación profesional”. Comezarei dicindo que gocei coa interpretación de Irene Caruncho, cantante de Cedeira, cuxa solvencia está fora de toda dúbida. Posúe un importante dominio dos rexistros, controlados á perfección pola súa espléndida voz e un estar na escena que, independentemente de gustos e tendencias, poñen de manifesto a súa indiscutible calidade.


Dito isto, debo engadir que o repertorio elixido, simple opinión, e xa que logo suxeita a controversia,  íase un pouco do contexto por seren as pezas interpretadas en inglés nun acto no que o protagonismo o tiña a lingua galega. A indiscutible solvencia e calidade do dúo daba pé, por pura conveniencia, a abordar calquera repertorio. Temas por exemplo como “Dous amores” de Xosé Baldomir, “Un adiós a Mariquiña” (Curros/Chané), “Cántiga” (Curros/Chané), “Negra Sombra” (Rosalía/Xoán Montes) ou mesmo “Soidades” de Marcial de Ladariz estarían mellor encadradas no contexto deste acto. Isto, reitero, é a miña modesta opinión que non vai en absoluto en detrimento da excelente interpretación que fixo Irene Caruncho deses tres temas “estándar” en inglés. Mención especial tamén ao pianista ferrolán Mario Manei que levou da man a Irene neste percorrido polos rueiros do pentagrama. Foi un pracer escoitalos.


Todo rematou coa consabida degustación do arroz con leite á que non puiden quedar e que vén ser como ese terceiro tempo do “rugby” no que os participantes, logo do partido, xúntanse para tomar unhas “birras” e falar de todo un pouco. Parabéns aos promotores e por suposto aos merecidamente galardoados.


Apagáronse as luces do Nadal e todo pouco a pouco volve á normalidade.  

No día de San Xiao

Te puede interesar