Acostumamos dicir isto a xeito de saúdo cando nos atopamos con alguén fronte a fronte malia que non nos coñezamos ou non teñamos suficiente confianza. É coma unha norma de convivencia, como unha mostra de cortesía que desafortunadamente, baixo o meu punto de vista, se está perdendo. Un vai e atópase directamente con outro viandante e emite un: ola, bo día! E como resposta recibe un “Grrrr...” entre dentes, un gruñido case como mostra de enfado, como dicindo: “Pero este de que vai!”. Ou a calada por resposta. Hai que dicir que isto non é unha xeralidade e que hai xente educada e cortés que responde amablemente ao saúdo, pero nótase cada vez máis ese desleixo, esa tendencia a non saudar como se na realidade iso puidera supor unha perda de tempo e de enerxía. O saúdo formaba parte daquelas normas de urbanidade que nos ensinaban na casa e na escola, cousa que axudaba a manter as relacións sociais cando estas eran importantes para o desenvolvemento da convivencia entre veciños e coa xente en xeral no día a día. Lamentablemente estase perdendo este costume do mesmo xeito que se están abandonando outras que os nosos proxenitores e os nosos mestres trataban de inculcarnos. Por exemplo: dicíanos que os nenos que íamos na lancha a Ferrol, en tempos nos que estas ían ateigadas de xente, que debiamos deixar o noso asento ás embarazadas ou ás persoas maiores, o mesmo que no autobús. Hoxe en día estes hábitos sonche reliquias do pasado, algo perdido na noite dos tempos. Reitero, hai excepcións que confirmar a regra, pero son ben poucas.
O outro día chamoume a atención a actitude dun meniño que non tiña máis aló de cinco anos que ao devolverlle a súa pelota que chegara ao meu carón respondeume cun “moitas grazas!” Pensei que ese neno ía por bo camiño e matinei tamén no tempo que tardarían en estragarlle o bo costume do agradecemento; quizais o tempo no que comece a saír do niño e deixe de ser para os seus colegas un neno “pijo”.
E seguindo co saúdo, reitero, cústame moito entender por que a certos individuos lles supón tanto esforzo contestar. Se me atopo polo camiño cunha persoa que non coñezo resúltame un paradoxo non saudar, e non penso que o destinatario do saúdo poida crer que son un arroutado en posesión dun exceso de confianza. Sigo a facer isto a risco de non recibir resposta. Pero tamén lles digo que respecto a algún penso para os meus adentros: “que lle dean!”, logo dun primeiro intento sen resultado, en adiante fágolle tanto caso como el me fai. Xa a estas alturas estes personaxes son educandos irrecuperables.
Malia todo isto: Ola, tiñan bosteces un bo día! Si.