Permítanme desexar que esta Semana Santa contradiga as previsións meteorolóxicas e, as diferentes confrarías, cos seus pasos, poidan saír ás rúas de Ferrol con todo o seu esplendor.
Sei que vai soar estraño que un non crente poida ter esta arela, incluso absurdo, que diría Albert Camus, máis non é ningunha novidade que aquí están á par –escusen este atrevemento– tanto a paixón relixiosa como a capacidade de convertela en arte.
Volvendo a Camus, el falaba de que “a arte non pode ser servida por nada tan ben como por un pensamento negativo”.
A recreación da morte do Cristo crucificado, as feridas lacerantes, os pés descalzos, a penitencia, o encontro coa madre... toda a traxedia da humanidade, para finalmente converterse nun canto á fe, á esperanza e á propia vida.
Detrás, todo un mundo de traballos minuciosos. Tallas coidadosamente deseñadas e creadas, mantos bordados con tanto esmero e miles de obxectos e detalles que son unha expresión da capacidade do ser humano de darlle aos seus baleiros toda a cor. Así como esa convocatoria que suma xente cristiá, como doutras crenzas relixiosas ou, simplemente, a quen entende a Semana Santa como historia, cultura e arte humana. Profusamente humana.