A política como espectáculo

Trump, nos Estados Unidos, e Bukele en O Salvador, atoparon en Milei un competidor no referente á facer da política un espectáculo. Sen dúbida o presidente arxentino representa un salto cualitativo na divulgación dos obxectivos do anarco-capitalismo, tanto porque asume sen ningún tipo camuflaxes unha rotunda oposición ao Estado como sustento de dereitos, xa que cuestiona que este sexa garante da xustiza social, igualdade de trato e solidariedade, como porque considera heroes, así o afirmou nunha reunión con grandes empresarios/as, a aqueles que defraudan o fisco


No mitin de Madrid para apoiar a VOX e outros partidos da ultradereita europea nas eleccións do 9 de xuño, a súa intervención foi sen dúbida a máis polémica xa que realizou acusacións directas de corrupción contra Pedro Sánchez e familia creando unha crise nas relacións diplomáticas entre estados. Todo indica que isto non foi casual, que estaba planificado por Milei e Abascal, xa que a ambos lles beneficia a polémica (tamén ao PSOE?). A Milei porque retira en parte os focos da caída do consumo, os despedimentos, o aumento da pobreza, etc. A VOX porque lle dá protagonismo na campaña en detrimento do PP, co que compite polo voto útil da dereita. A confrontación non coido que lle agrade a participantes do acto como Orbán, Le Pen e Meloni, que necesitan gañar votos no centro e non crear tensións artificiosas co Governo español.


Milei á súa chegada a Bos Aires reforzou a mensaxe de dureza, poñendo o acento na parte histórica do conflito (as declaracións do ministro Óscar Puente) e quitándolle ferro á súa intervención en relación coa acusación de corrupción e deixadez por parte de Pedro Sánchez. O problema de fondo para Milei é que esta viaxe cun fin claramente partidista foi pagada con fondos públicos, que se quixeron xustificar cunha reunión de compromiso con empresarios españois e o presidente da CEOE. E non son precisamente poucos os viaxes que Milei e acompañantes realizan ao exterior con este mesmo formato, especialmente aos Estados Unidos. Tampouco se poden obviar os choques con outros presidentes progresistas ou que non comparten unha visión unipolar do mundo, como o de México, Brasil, Colombia, China, etc. 


O espectáculo como medio para poñer en primeiro plano un relato pode funcionar durante un tempo, mesmo nun principio pode ampliar a incidencia. Mais, ao final, téñense que conseguir resultados que beneficien ás maiorías. Na Arxentina, iso non só implica unha caída da inflación, senón e sobre todo, unha mellora na calidade de vida, e isto non está a acontecer.
 

A política como espectáculo

Te puede interesar