O xubilado

O xubilado é un home moi vello; como diría Curros, é un vello “cangado de anos”. O xubilado sempre foi adicto á lectura, xa desde moi neno, pois case aprendeu a ler no “Quijote”, que era o único libro que había na casa. Con tanto ler, non se lle secou o cerebro, como lle pasou a aquel cabaleiro andante, pero meteulle no corpo o vicio de escribir. O xubilado escribiu moito. Escribiu nos periódicos en castelán e galego, durante máis de vinte anos, sen cobrar un patacón; escribiu algúns libros e varios contos. Dos primeiros publicouse algún, pero dos outros ningún chegou a ver a luz; nin sequera chegaron ao papel, a non ser una media ducia... Das obras publicadas, nunca lle chegou algún alento para seguir nesa tarefa, así que morreu o conto... e os contos. Pasoulle como ao coronel de García Márquez, que non tiña quen lle escribira e semella que o xubilado non tiña quen o lera. O xubilado non ten amigos, porque os que tivera xa morreron case todos e, se algún queda, atópanse moi de “Pascuas en Ramos”, e só para falar de enfermidades, pois o que non ten artrose, ten colesterol, ou xordeira ou diabetes ou todo á vez.


O xubilado é amigo dos cans e dos gatos, pero como eles non falan... Cando mozo, tivo unha cadela pequena que morrera de vella. Agora ten gatos. Chegou a ter trece, pero foron morrendo e quedáronlle tres, máis algún que aparece de cando en veces. O xubilado, cando non está moi canso, chámaos cun silbido e lévaos a pasear por un pequeno souto que hai detrás da casa. Outras veces cántalles, como aquel pastor que co seu frautín comunicáballes ás ovellas os seus goces e tristezas. Porque o xubilado tamén ten diso, pero sabe facer de tripas corazón...


E así vai pasando a vida, entre risas (ás veces) e dores (moitas).

O xubilado

Te puede interesar