Xubilado é un home muy vello; como diría Curros, é un vello “cangado de anos”.
O Xubilado sempre foi adicto á lectura, xa desde moi neno, pois case aprendeu a ler no “Quijote”, que era o único libro que había na casa. Con tanto ler, non se lle secou o cerebro, como lle pasou a aquel cabaleiro andante, pero meteulle no corpo o vicio de escribir. O Xubilado escribiu moito. Escribiu nos periódicos en castelán e galego, durante máis de vinte anos, sen cobrar un patacón; escribiu algúns libros e varios contos.
Dos libros publicouse algún, pero dos contos, ningún chegou a ver a luz; nin sequera chegaron ao papel, a non ser una media ducia... Dos libros publicados, nunca lle chegou algún alento para seguir nesa tarefa, así que, morreu o conto... e os contos. Pasoulle como ao Coronel de García Márquez, que non tiña quen lle escribira e semella que o xubilado non tiña quen o lera. O xubilado non ten amigos, porque os que tivera xa morreron case todos e, se algún queda, atópanse moi de “Pascuas en Ramos”, e só para falar de enfermidades, pois o que non ten artrose, ten colesterol, ou xordeira ou diabetes ou todo á vez. O xubilado e amigo dos cans e dos gatos, pero como eles non falan... Cando mozo, tivo unha cadela pequena que morrera de vella. Agora ten gatos. Chegou a ter trece, pero foron morrendo e quedáronlle tres, máis algún que aparece de cando en veces.
O xubilado, cando non está¡ moi canso, chámaos cun silbido e os leva a pasear por un pequeno souto que hai detrás da casa. Outras veces lles canta, como aquel pastor que co seu flautín comunicáballes ás ovellas os seus goces e tristezas.
Porque o xubilado tamén ten diso, pero sabe facer de tripas corazón... E así vai pasando a vida, entre risas (ás veces) e dores (moitas)...