A delegada territorial do goberno galego en Ferrol, Martina Aneiros, visitou as instalacións do Club Náutico Firrete de Pontedeume en compañía do seu presidente, Ramón Piñeiro, para comprobar as obras de mellora e reparación do cerramento da súa sede que a entidade acometeu co apoio da Xunta.
A representante autonómica coñeceu os pormenores do proxecto, que contou cunha subvención para a mellora de instalacións deportivas concedida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que ascendeu a 15.673 euros.
En concreto, os traballos consistiron na instalación de láminas de protección e eficiencia enerxética nas fiestras do edificio e na impermeabilización e pintado exterior da fachada.
Aneiros fixo fincapé no compromiso do executivo galego coa dotación de instalacións que permitan aos deportistas adestrar e competir en condicións idóneas, referíndose á inversión de máis de 22 millóns de euros para tales fins este ano.
Dita aposta manterase nos vindeiros orzamentos de 2025, aseverou, nos que hai consignados 14,4 millóns de euros para proxectos de infraestruturas deportivas. Deles destacou, por exemplo, os 2,9 para a Cidade do Deporte de Ferrol. “Manterase tamén o apoio ao tecido deportivo con 8,2 millóns de euros, o que inclúe cinco para convenios coas federacións, dous aos núcleos de adestramento deportivo (NADE) e un millón para equipamento dos clubs deportivos”.