A música e baile tradicional será o centro da cita que se celebra este sábado na pista anexa ao local social de Lago, en Valdoviño. As melodías galegas conectarán coas propias doutros puntos do territorio nacional e os grupos Os Carecos e Lenda Ártabra & Ghaldaripas encargaranse de montar unha foliada libre para rematar o Encontro Folclórico á noite.
Este espazo volverá albergar un ano máis a cita, que nesta ocasión presentará dende formacións da localidade até outras que veñen de Ibiza e Valladolid. O comezo está previsto para as 19.00 horas, coa inauguración da banda de gaitas de Vilaboa.
A continuación, chegaralle a quenda ás Cantareiras Mestura de Meirás, un concerto que precederá a un dos convidados máis afastados como son os valisoletanos do Grupo de Danzas Estepa Castellana, de Pedrajas de San Esteban. Trátase dun colectivo pertencente a unha asociación cultural que organiza anualmente o Encuentro Nacional de Danzas no seu municipio.
Despois, o programa establece unha pequena pausa para coller folgos, que será rompida pola actuación dos integrantes máis pequenos da agrupación de danza de Lago. A formación folclórica Sant Josep de sa Talaia, chegada dende Ibiza, dará continuidade ao encontro coa súa exhibición.
Os eivisencos tamén son responsables da celebración de “ballades de pou”, é dicir, bailadas de pozo, un costume que reúne aos asistentes arredor destas construcións ou de fontes da súa localidade, onde se realizan demostracións de xogos tradicionais ou baile “payés”, entre outros.
A esta lle seguirán as voces das cantareiras Algarabía, que darán paso ao espectáculo ofrecido polo conxunto de baile de adultos de Lago. Tras a intervención dalgúns dos integrantes das entidades organizadoras, sairán a escena Os Carecos e Lenda Ártabra & Ghaldaripas, que son formacións orixinarias das comarcas do Ortegal e Ferrol, respectivamente.
Estes artistas serán os encargados de animar a fin da festa a partir das 22.00 horas, propoñendo unha foliada aberta á participación do público, como unha das partes fundamentais do folclore galego que se conmemora xunto aos doutras comunidades.
O evento está organizado pola asociación de veciños de Lago, en colaboración coa banda de gaitas e a agrupación de baile Álvaro Cunqueiro, así como as cantareiras Algarabía, que son agrupacións orixinarias da parroquia. Tanto o Concello de Valdoviño, co patrocinio da fin de festa, como a Deputación, coa loxística necesaria, apoian este encontro, ademais da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, pola cesión da casa reitoral de Lago para a hospedaxe dos grupos de fóra.
Así mesmo, o goberno municipal de Narón, por medio do Padroado da Cultura, tamén participou coa cesión de material. Non obstante, a organización agradece en particular o traballo desinteresado de veciños, veciñas e familias dos grupos locais.