O humor é un dos piares que sosteñen a obra “Travesía Unicornio”, que a compañía Teatro Ghazafelhos adaptou do libro homónimo de María Canosa, recoñecido pola súa calidade literaria e polos valores que transmite. Esta peza, que se dirixe ao público familiar, ía representarse esta mesma tarde de domingo no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño, pero tivo que ser aprazada para máis adiante.
Aínda que a función é de carácter cómico, o seu contido modifica os roles tradicionais de xénero para abrir as portas a que os nenos e nenas, protagonistas entre os espectadores, decidan libremente sobre os seus gustos. “Travesía Unicornio” é o título do exemplar de María Canosa, publicado a través da firma ferrolá Edicións Embora. Este texto foi merecedor en 2022 da primeira edición do Premio Anisia Miranda de teatro infantil, que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Nesta historia, os protagonistas son un neno e o seu compañeiro unicornio, atópanse cunha xenia que lles promete facer realidade todos os seus desexos.
Por medio desta premisa, trátase de que o público aprenda destes personaxes, que deberán escoitarse e aceptarse, non soamente a uns mesmos, senón, e quizáis máis importante aínda, facelo cos desexos das demais persoas. Desta maneira, preténdese transmitir a lección da necesidade de asumir as preferencias alleas para que así se poidan cumprir as propias. Como ocorre co resto da programación, a entrada á función será de balde até completar o aforo.