Xa xubilado oficialmente, un dos actores máis queridos e respectados do país, Ernesto Chao (“Pratos combinados”, como non), aproveita para facer só os proxectos que lle apetecen. O último deles é a traxicomedia “Noiteboa” que se presenta hoxe ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Narón. Chao está acompañado pola gran actriz Mela Casal e a promesa Guillermo Carbajo nunha produción da compañía Redrum.
Que o convenceu para traballar en “Noiteboa”?
É unha historia de xente normal que ao final non o é. Fala dunha cea de Noiteboa cunha familia que non é o que parece. Hai elementos de suspense, cada dez minutos pasa algo, e unha trama que é como de bonecas rusas, como capas de cebola para, ao final, acabará de forma moi distinta a como empezou.
Entón, falamos dunha traxicomedia sobre o escenario?
Si, porque hai moito humor pero no fondo fálase dun problema tremendo que é o da soidade. Alex Sampayo e Borja Caamaño fixeron un texto que parte dunha noticia real: en España cada ano un millón de persoas maiores pasan sós a Noiteboa. Pero non só os vellos, a xente nova tamén ten ese problema. De feito o personaxe de Guillermo Carbajo acaba facendo botellón a través de Skype... En xeral é un tema moi serio disfrazado de comedia onde tamén se fala doutros asuntos como a emigración, o islamismo ou a lei mordaza.
E que pasa co neno Xesús do Obradoiro?
Ese é outro gran tema da obra, tamén baseado en feitos reais cada ano rouban ao neno Xesús do Belén do Obradoiro. Ao principio era unha asociación chamada Fartas, por temas sociais e reivindicativos sobre o tema da vivenda, pero agora non se sabe quen o fai. O asunto aparece na obra.
A obra vén de estrearse en Compostela. Como foi a reacción do público?
Efectivamente, Narón será hoxe a segunda localidade onde se vexa. No Teatro Principal de Santiago enchemos catro días seguidos, esgotando as entradas. Funcionou moi rápido o boca a boca e teño que dicir que nunca a xente me felicitara tanto pola rúa como con esta obra. En parte creo que é porque termina en alto, co público entregado e dando unha solución. É un final positivo.
Un personaxe como Miro Pereira é unha sorte ou unha maldición para un actor?
Unha sorte, fíxome pagar moitas facturas e ata me din o luxo de arruinarme despois de montar a compañía Lagarta Lagarta. Ademais a xente xa sabe o que hai, non se confunde, é consciente de que vai ver a Ernesto Chao.