Son días frenéticos para Suso Basterrechea. O concelleiro de Ferrol en Común ten como obxectivo dinamizar a vida cultural da cidade e poñer o foco nas iniciativas locais. Parece que lle falta tempo para facer todo o que leva dentro aínda que asegura que continuará coas súas clases e súa propia e exitosa carreira como artista plástico; vantaxes de durmir pouco. Pero agora toca falar de xestión cultural.
¿Como atopou a súa concellería?
Sen sorpresas, coñezo a casa e xa falei cos funcionarios e visitei as instalacións. Estou desexando traballar, son un home de pensamento pero tamén de acción e esta cidade precisa dunha revolución cultural xa.
Cales quere que sexan as liñas da súa xestión?
Precisamos da participación de todos os axentes culturais da cidade, da dignificación dos artistas, o público, os xestores e a empresa local. Integrar a todo o mundo e facer que ese caldo de cultivo flúa. Pero como escribín o domingo neste xornal, o cambio ten que ser colectivo. Imos intentar que os espazos expositivos sexan tamén centros de produción, con talleres, por exemplo. Queremos traballar coas asociacións, a Universidade e o Conservatorio, que se impliquen máis. E sobre todo estimular á xente nova e recuperar o talento que se marchou de aquí. Facer a cidade moderna que pode ser Ferrol.
Algunha medida concreta que poida anunciar xa?
Pois si, tan axiña como poida, non máis alá de xullo, faremos unha asemblea xeral monográfica coa xente implicada na cultura para elaborar unha catalogación xa non só de asociacións, senón tamén de creadores e empresas para comezar a andar. O obxectivo será o de formar grupos de traballo ao xeito dun Padroado de Cultura.
Sigamos concretando. Que vai pasar co Ateneo Ferrolán?
Xa me reunín con eles e lles expliquei a nosa intención, que estaba no programa de Ferrol en Común: a recuperación, agardemos que non máis alá de outono, do seu patrimonio. Pero hai un proceso legal para acadar a solución e o Concello non pode saltalo. O problema do Ateneo parte dun erro legal de cando comezaron as obras, pero hai unha débeda moral con unha entidade que foi perseguida e illada, igual que outras iniciativas como a Semana de Poesía Salvaxe, se se quere minoritarias, pero moi valiosas e que poñen en valor a cultura na rúa, algo clave para nós.
En canto ao edificio do Ateneo, continuarán nel varias entidades ou será só para el?
O edificio do Ateneo debe ser do Ateneo, recuperar o seu nome e a súa dignidade. Pero hai outras entidades que hoxe están alí coas que imos falar e consensuar unha solución, que se lles dará e sempre de común acordo. Poden estar tranquilas.
Contará co labor dun técnico de Cultura?
O matiz é correcto porque non nos interesa un asesor cultural. Hai anos que o concello está pendente de cubrir unha praza de técnico de Cultura e vaise sacar adiante. Nós defendemos o traballo público da cultura, un sector que crea moitos postos de traballo, e tamén a implicación e dignificación do funcionariado que, independentemente dos partidos no goberno, fai o seu traballo. Sacaremos tamén as prazas pendentes noutros espazos como a Biblioteca Central.
Boa parte da xestión cultural de Ferrol está privatizada. Haberá cambios?
Tanto a empresa Eulen como Dardo teñen un ano máis de contrato e nós debemos acatalo, con algunha xa houbo contactos, pero está claro que a nosa aposta é a recuperación da xestión pública e dos espazos culturais da cidade. Ata entón o que podemos facer é traballar no deseño das programacións dos centros.
Hai un tema que derivou en chocalleiro, na rúa e nas redes sociais, a pesar do seu alto custe económico: a nova estatuaria urbana.
Paréceme un erro que un tema artístico dependa en exclusiva da concellería de Urbanismo. Xa cando participei da concellería de Cultura con Yolanda Díaz había un acordo con Ángel Mato que levaba Urbanismo para consultar con Cultura este tipo de intervencións. Recuperaremos esa política. No eido estético, eu son artista e non teño medo á crítica. Vivo sometido a ela pero tamén hai un concepto de calidade e uns valores artísticos obxectivos como o mercado, o curriculum, etc. No caso de Ferrol, no seu conxunto estas estatuas non me parecen acertadas, pero non sei aínda se o seu destino será o actual, haberá que velo.
Que relación haberá con Narón, ata o de agora non moi boa tampouco no eido cultural?
Será prioritaria e hoxe mesmo (por onte) os dous alcaldes iniciaron un novo e necesario tempo nas relacións. Eu formei parte do Padroado de Cultura de Narón e coñezo ben a casa. As administracións deben colaborar tanto nas programacións como cos espazos culturais, porque ademais aforran recursos aos cidadáns. O que se poida compartir farase, xa falamos disto e estamos totalmente de acordo.
Finalmente, vostede tamén é concelleiro de Universidade.
Si, e ten que xogar xa un papel máis visible nesta cidade tan necesitada. Ferrol non é Santiago pero hai un campus e sabemos o que pode dinamizar, coa xente nova, unha universidade.