Regresa a profesora e tradutora Teresa Barro desde Inglaterra a Ferrol, a cidade do seu marido, o intelectual Fernando Pérez-Barreiro. Xa chegou onte para dar a coñecer o volume colectivo “No tempo de Follas Novas”, e repite hoxe cun libro que lle toca máis de preto. Ás 20.00 horas presenta na Galería Sargadelos “O perdurable legado de Fernando Pérez-Barreiro” (Edicións do Cumio), un traballo que reúne textos diversos aparecidos a raíz do falacemento de Pérez Barreiro en xaneiro de 2010. A obra está impulsada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), cuxo director Xulio Ríos estará na mesa así como o xornalista de Diario de Ferrol Nicolás Vidal.
Presenta un libro sobre o legado do seu marido. Cal cre en esencia que serían eses valores que el representou?
Para min o seu principal legado é unha actitude fronte ao mundo, sempre tratando de aprender de todo. El sintetizou moi ben as tres dimensións, a local, a nacional e a internacional. Sempre tivo unha gran curiosidade polo que sucedía no mundo, pero nunca perdeu o contacto con Galicia nin con Ferrol. Así mesmo, a súa mentalidade foi sempre moi aberta, libre de prexuízos. Foi un intelectual riguroso, algo ao que lle axudaba a súa erudición.
E cal é a faceta das moitas de Pérez-Barreiro que vostede destacaría?
A súa actitude era a dun poeta, alguén que mesturaba o pensamento e o sentimento. Coas persoas tiña ademais unha grande intuición, raramente erraba.
Un dos asombros do seu marido era a capacidade de aprender linguas, das que coñecía máis dunha ducia. Era algo natural esa destreza?
El coñecía todas esas linguas pero non polo que nós o fariamos, polo seu utilitarismo. El nunca aprendeu latín, noruegués ou chinés porque pensase que era útil, de feito a finais dos anos 70 China non estaba de moda e víase como un país atrasado. El estudiaba unha lingua porque lle interesaba un país e quería afondar no seu coñecemento. Se non lle interesaba un país tampouco o facía a súa lingua.
Vostedes marcharon de Galicia a Inglaterra nos anos 60 pero sempre participaron do mundo intelectual galego. Non hai contradición?
El sempre quixo marchar e estar fóra, moito máis que eu. É unha actitude moi anglosaxona, de trasladarse a outro país pero non perder contacto coa túa terra. Aquí non se entende. De feito a nosa marcha non foi ben vista entón por algúns que non entedían como xente de clase media e licenciados tiveran que irse a outro país. Iso só estaba ben visto se non tiñas traballo.
Que recepción tiveron as súas memorias conxuntas, “Amada liberdade” (Edicións Xerais), nas que había unha crítica demoledora ao traballo de Ramón Piñeiro?
Sabiamos que nalgúns sectores non gustarían, pero non agardaba reaccións furibundas como a que tivo algunha persoa. A análise da figura de Ramón Piñeiro e dese galeguismo que el representou durante moitos anos está moi pensada, moi meditada e temos falado moitos anos del. Pero no libro consideramos interesante contar outras moitas cousas.
A súa propia actividade segue a ser constante, tanto en Inglaterra como aquí. En que está a traballar na actualidade?
Sigo a ser tradutora de organizacións internacionais, e estou reelaborando e publicando na revista dixital Palavra Comun (http://palavracomum.com) o meu libro inédito “Cartas e Emilia Pardo Bazán”. Tamén colaboro co xornal Sermos Galiza e teño aberto un blogue en galego e outro en castelán, “Desde Albión para Galiza” e “Viento de marzo”. E nesas ando.