Suso Basterrechea gañou con “Con piel de cordero” o premio do xurado á mellor proposta no apartado de debuxo contemporáneo da 22 Feira Internacional de Arte Contemporáneo Estampa, que se celebra en Madrid desde o xoves e ata hoxe mesmo. Este galardón supón que Estampa merca parte da obra que presentou no Matadero para a súa colección particular, ademais dun respaldo ó traballo no debuxo que Basterrechea leva anos explorando e que, desde Ferrol, obtén un grande éxito cada vez que se presenta fóra, neste caso a través da galería madrileña Paula Alonso.
Suso Basterrechea (ademais de artista plástico, profesor e concelleiro de EU) estaba onte exultante por un premio que, malia toda a subxectividade que el mesmo lle recoñece a estas decisións, si o sitúa á par de debuxantes de primeiro nivel que compartían con el o espazo Drawing Up co que nesta edición se quería dar máis relevancia ó debuxo contemporáneo. “Estou nunha nube, está sendo un exitazo. Vivo moi alonxado deste mundo e gañar este premio significa que estás aí, que estás ó nivel, con xente que ten unha traxectoria impresionante”.
En Estampa, onte á tarde, había tanta xente que tiñan que regular o acceso, e nese fervedoiro destacaba a obra de Basterrechea, que empapelou unha parede como o soe facer nesta etapa dedicado ó debuxo, saltando barreiras e colocando o traballo a xeito de mural. A inmediatez e impacto do seu trazo e da súa proposta ancorada na problemática social e política convencen tamén máis alá das Pías.