Máis animada que de costume presentouse a xornada de onte na Escola Universitaria Politécnica de Serantes. A celebración da segunda edición do Torneo de Robótica desprazou ata o centro a máis de 170 estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional procedentes de máis dunha ducia de centros educativos da comarca e doutros puntos da comunidade.
Os participantes, divididos en 34 equipos, mediron as súas destrezas no decurso das tres probas deseñadas pola organización. Foi na de “Sumo” na que máis emoción se viviu, que quedaron galardoados os Pacadia do IES Sofía Casanova de Ferrol e os Mondobot 1 do IES San Rosendo de Mondoñedo.
Nas outras dúas, as clasificacións elaboráronse en función do tempo. Nunha delas, o “Segue liñas”, as máquinas tiñan que percorrerán a traxectoria impresa e salvar os obstáculos que había no camiño. O equipo de Las Robóticas e o de Chicas al poder!, ambos do CPR Nuestra Señora del Carmen de Betanzos, fixéronse co primeiro premio e segundo premio, respectivamente.
Na denominada o “Barrendeiro”, tiveron que empregar algoritmos similares aos que teñen as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede para barrer todos os obxectos do taboleiro. Neste caso, o primeiro premio recaeu en Las Robóticas e o segundo nos Mondobot 5 do IES San Rosendo de Mondoñedo –os gañadores de todas as probas levaron como premio un kit de electrónica–.
O director da EUP de Serantes, Andrés Piñón, que a primeira hora da mañá recibiu a todos os participantes, salientou o excelente desenvolvemento dunha cita que ten entre os seus obxectivos promover este tipo de ensinanzas relacionadas coa robótica, a electrónica e a enxeñaría en xeral entre os estudantes dos institutos e da FP. Convértese ademais nunha boa oportunidade para achegar a este alumnado á escola ferrolá, na que se imparten dos graos universitarios e un mestrado.