A poesía de Manuel María, faceta esta coa cal se sentía el máis fortemente vinculado, puido ter eclipsado outros perfís aos que tamén se tiña asomado con dispar fortuna durante o tempo todo en que veu a exercer a súa escrita literaria. Estamos a falar da narrativa, do ensaio e do teatro, pois fóra do campo estritamente lírico, adentrouse igualmente nestoutros xéneros. É ben notábel, a pesar de todo, o especial esforzo que fixo con respecto ao teatro, pois trátase do segundo dos xéneros en que máis fecundo se mostrou. A vontade do escritor chairego, xa que logo, vén coincidir coa daqueles autores que xulgaron necesario o impulso dunha dramaturxia galega, pois que tanto se precisaba dela nese período de posguerra en que a literatura galega sentiu necesidade de remontar o voo. O teatro, como xa moito antes sucedera, precisou de ser reconstruído e aupado, como se fixera nos inicios do séc.XX a través da Escola Rexional de Declamación, e cuxo testemuño fora recollido polas Irmandades da Fala, o Conservatorio Nacional de Arte Galega, a Escola Dramática Galega, e canto houbo até se producir o estalido da Guerra Civil.
Caso de tomar prestada a terminoloxía usada para a lírica, a etiqueta en que talvez mellor puidese achar acomodo o seu teatro sería na de Grupo de Enlace. Quérese dicir, Manuel María, por idade, móvese entre a dramaturxia precedente –a de preguerra– e a do Teatro Independente que xurdirá nos últimos anos da década de 60.
As súas primeiras pezas gardan resonancias poéticas, alén de políticas, e carece de acción. Referímonos ás publicadas en 1961, Auto do mariñeiro e Auto do labrego, que seguen a senda emprendida co Auto do taberneiro, editada en 1957. Non obstante, será o da farsa o camiño iniciado en 1968 con Barriga Verde, sentida homenaxe a Manuel Silvent, creador deste personaxe de monicreques que percorría aldeas e vilas galegas, polos comezos do séc.XX, con monólogos e diálogos en galego, para facer as delicias do público popular. Explícasenos quen é Barriga Verde, a súa relación co demo e a historia dunha rapaza que quere casar. Seguiranlle despois outras pezas orientadas para o público mozo: as Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1979), con mestura de prosa e verso en que se fai unha crítica irónica co fin de alertar os rapaces contra calquera clase de poder, e o Auto do maio esmaiolado (1982), nunha tentativa por recuperar a tradición dos maios.
A totalidade da produción teatral de Manuel María vese trazada, pese a todo, polo carácter vindicativo, nunha sorte de mestura do teatro épico de Bertold Brecht con aqueloutro máis de tipo documental. Deste xeito, S. Esteban Radío, ten clasificado a produción dramática de Manuel María en atención a tres momentos de relevancia para a historia do noso país. O das revoltas irmandiñas, que se ve reflectido en Unha vez foi o trebón (1975). O da revolución de 1846, que se pode observar en Abril de lume e ferro (1976). E a que tenta plasmar os acontecementos máis salientábeis na formación do nacionalismo, desde 1936 até 1977, na peza A lúa vai encoberta (1977).
Coa peza Edipo (2003) –aínda que escrita en 1960 coa idea de participar nun concurso teatral– trata de crear un tirano cruel e omnipotente, un Edipo que máis que rei ou xoguete movido polo Destino e pola Fatalidade, nos falase dun home xeneroso, inconmobíbel nos seus principios éticos, de modo a se converter nun ser que só atende ao deber de se sacrificar polos seus ideais. Edipo acábase por tornar, como ten confesado o propio Manuel María, nunha sorte de anti-Franco. Con todo, poida que sexa coa Farsa de Bululú, interesante esperpento coa que obtivo o I Premio Abrente en 1973, unha das pezas teatrais máis significativas do da Terra Chá.
Recréase nela unha situación de tiranía e desgoberno, comandada por personaxes que parecen monifates, construídos hiperbolicamente a xeito de caricaturas, dándosenos unha visión binaria da realidade con opresores moi maos, oprimidos moi bos e traidores que son do peoriño.
O grande poeta chairego pon a súa pluma, de modo definitivo, ao servizo do teatro. A normalización dunha cultura, a galega, e da súa literatura (dixémolo alá encima) debía pasar igualmente polo xénero dramático. Cousa semellante tiña realizado R. Carvalho Calero, seguindo a senda emprendida polos homes das Irmandades da Fala, ao se involucrar no xénero teatral, malia que, no seu foro interno, o seu xenio tirase para poeta, ao igual que o de Manuel María. A fasquía dramática deste gravitou entre o divertimento e a crítica social e cultural, aínda que sen renunciar nunca ao plano vindicativo.
Así pois, e como síntese da súa concepción teatral, véxase este diálogo da “Farsa de Bululú”, en que a Criada Primeira lle di á Criada Segunda (pouco consciente esta da realidade política en que vive inmersa): […] Se as palabras que dis contra o Noso Señor ou contra os santos se chaman pecados, as que dis contra o señor rei, chámanse palabras subversivas.