Cando o pasado ano xa andaba dando os derradeiros suspiros, asistín, no centro cultural Torrente Ballester, á presentación do libro Manuel Patinha, magnificamente editado pola Deputación da Coruña dentro da súa ben interesante colección “Grandes Pintores”, inaugurada en 1991 co título Luís Seoane, dedicado ó excelso creador galego-bonaerense. Logo apareceron, nesta orde, os títulos Carlos Maside (1993), Eugenio Granell (1994), Rogelio Puente (1995), Lago Rivera (2004) e outros como Isaac Díaz Pardo: creación e compromiso na Galicia do século XX (2006), Lugrís Vadillo (2007), Alfonso Costa (2007), Abelenda (2008), Alberto Datas (2008), Segura Torrella (2009), T. Behrens (2009), Manuel Quintana Martelo (2010), Manuel Ayaso (2012), Felipe Criado (2012). A partir de decembro temos que completar –de non haber omisións, algo que sempre é posible– esta nómina co nome de Manuel Patinha, o segundo artista da nosa comarca que forma parte da “colección”, pois, como se acaba de dicir, xa figuraba nela Ricardo Segura. O non hai moito falecido Felipe Criado sempre se andaba laiando, e creo que con razón, de que non o considerasen pintor galego, por ser xixonés de nación, cando levaba case toda a súa vida exercendo a docencia e a pintura na Coruña. Tim Behrens, londinense de nación, é outro excelente pintor que ven exercendo como tal e como galego na Coruña desde hai décadas. Talmente como Manuel Patinha ven facendo no noso entorno. Ten, xa que logo, toda a lóxica do mundo que estes tres importantes nomes conformen a colección “Grandes Pintores” ó carón de artistas plásticos que si naceron en Galicia. Mais xa sabemos que en infinitos casos non se é de onde nace, senón de onde se pace. E non esquezamos que o grande Luís Seoane, que abriu a serie, tiña, por nacemento, nacionalidade arxentina, o que lle foi fundamental para salvar a vida cando a sublevación de 1936. O libro presentouse oficialmente na Coruña, na sede da Deputación, días antes do que en Ferrol, cousa normal, e, segundo a reseña do acto aparecida no noso Diario, foi un “emotivo encontro ao que asistiron medio cento de artistas, compañeiros Patinha [sic] e representantes das artes plásticas da provincia”, público que –agás os dos amigos, naturalmente– non me pareceu ver no acto de Ferrol. É posible que estea equivocado, mais saín con esa apreciación. Son ben sabidas as envexas, ciumes e similares existentes no mundo da creación en xeral, moito máis exacerbadas e notorias que noutros ámbitos profesionais. Que dicir dos poetas? Non de todos, claro está. Con todo, coas ausencias que eu detectei –supoño que algunhas máis o artista–, a asistencia foi considerable para unha actividade cultural destas características. Creo, pois, que o amigo Manolo Patinha pode considerarse satisfeito do interese que despertan tanto a súa obra como a súa persoa. Ademáis da biografía, que foi responsabilidade de Eva Ocampo –amiga de vello–, do estudo do conxunto da plástica (pintura e escultura, tanto pública como privada), do que se encargou María Fidalgo –amiga máis recente– e do achegamento á escultura conmemorativa do octavo centenario da Catedral de Santiago, da autoría de Pedro Taboada, o libro recolle infinidade de fundamentais ilustracións das obras plásticas do noso conterráneo, así como poemas en portugués da súa autoría, faceta esta practicamente desconocida, fóra do círculo das amizades. O que resta é que o libro teña a suficiente difusión como para que moita xente poda achegarse de verdade á obra deste importante debuxante, retratista, pintor, escultor, gravador... e poeta portugués que leva entre nós máis de media vida. Aínda que non por falta de merecementos, faise preciso agradecerlle á Deputación da Coruña a publicación, sempre custosa, dunha obra destas características. E o a autor agradecerlle, ademais da súa cordial amizade, toda esa creación destes anos, esas cousas que levo tempo vendo a diario, porque estou con el cando afirma que “o realmente importante é a obra que un vai facendo”. Parabéns, pois, para o artista e para a institución que o recoñece como tal.