Xa había que non te vía nos teus paseos case circulares, compulsivos, ausentes, como se estiveses desfacendo tempos a esquecer, tempos construídos a golpe de crueldade, coa fouce da ditadura. A pesar diso ti seguías camiñando aínda que semellaba que non houbese mais camiño.
Non te vía porque xa estabas viaxando noutra dimensión,onde quizais puideses retroceder pola espiral do tempo ata o punto de comezo,cando a humanidade era libre e podía aprender a ser xenerosa e a beber das fontes do pensamento da igualdade.
Coñecinte andando os anos oitenta, eu dirixía un Centro Educativo e ti eras Concelleiro.
Nunca se me deu moi ben adaptarme ao establecido e moitas veces collín atallos sin moito protocolo. Xa paguei por iso.
Sempre me pareceu que mellorar as cousas é moito mais doado do que parece, se se quere.
Aquela maneira miña de actuar non era ben recibida en xeral, mais ás veces, o azar xoga do lado dos inxenuos. Fernando Miramontes foi meu azar naquel espazo. El era un histórico comunista con responsabilidades institucionais pero xamais o vin subido ao atril dos mártires e eu unha muller aínda nova que buscaba mellorar a vida e os espazos educativos e que non dispensaba cortesías nen tiña, nen procuraba amizades. Era así, no me gabo diso.
Fernando non dicía nada, bastante tiña con calar e axudar poñendo os obxectivos a acadar por encima da burocracia e outros subterfuxios. Tampouco se me podía dar moito folgos, eu xa tiña diso, pero eu non o vía. Penso que el so vía en min a un ser humano que procuraba un ben no seu pequeno espazo.
Acadado o noso obxectivo e vendo o público da foto final marchou en silencio, creo que un pouco avergoñado de como comezaban prosperar o negocio da propaganda política.
Nunca falamos disto e para que... tampouco triunfou tanto a sociedade con aqueles estrategas políticos que estaban asomando no entorno, nin triunfaron tanto os suxeitos deste modo de facer, e é que as ansias de poder traen tamén consigo moito deterioro humano e moitas noites de vixilia.
Eu só quería facerche unha reseña polo teu pasamento.
Sempre vivirás no corazón da xente que somos pobo sinxelo e que non renunciamos aos principios do ben común e dos nosos, e sempre serás unha estaca chantada no espiñazo dos ditadores.