Sobre a mugardesa Amada García Rodríguez, fusilada con sete compañeiros no castelo de San Felipe de Ferrol na mañanciña do 27 de xaneiro do 1938, hai tecida unha lembranza tan tráxica como edulcorada, na que se combinaba conmiseración e o romanticismo, mais que non recolle a verdadeira transcendencia da vida e morte de Amadita, muller con proxección emblemática máis aló dos seus valiosísimos roles femininos de esposa e nai. Esa memoria sentimental que minimiza a Amada García callou en persoas benintencionadas, arrastradas, lamentablemente, por “amateurs” pouco rigorosos que non contrastan documentos e testemuñas. Mágoa que o magnífico documental de Xosé Abad, “A pegada dos avós”, reitere esa visión, tan emotiva como eivada por acientífica, e, xa que logo, inxusta con Amadita.
Por afecto e respecto cara a Gabriel Toimil García (a quen privaron de nai cando el non tiña tres meses de idade) non editei aínda unha obra que, como o encabezamento desta entrega, leva por título “A verdadeira historia de Amada García”. Precisamente, a verdade histórica dá conta cabal de que Amada García foi moito máis que vítima pasiva dunha vinganza na sin razón franquista, que tamén. A verdade histórica reflicte que Amada García, alén do seu papel familiar e da traxedia do seu asasinato aos 28 anos, era persoa cun forte compromiso e activismo sociopolítico. A verdade histórica expresa que Amada García non foi condenada a morte por ter rexeitado as pretensións libidinosas dun falanxista mugardés (que era homosexual), senón por ter exercido os seus dereitos cívicos en igualdade. A verdade histórica precisa que Amada García militaba no Partido Comunista dende 1935 e que nesa condición interveu en mitins en Mugardos e Ferrol, partillando con Dolores Ibarruri, a Pasionaria. A verdade histórica sinala que Amada García foi condenada pola súa defensa activa da legalidade republicana fronte á sublevación militar-fascista de xullo do 1936.
E remato. Amadita non bordara ningunha bandeira en 1936, mais soubera facela ondear aquel primeiro de maio de Mugardos á Pedreira, e, como a propia Amada García escribiu en decembro do 1937, foi condenada “por ser mujer y republicana”.
Bernardo Máiz é Catedrático e Doutor en Historia