David Amor: “Eu teño a teoría de que os cómicos somos filósofos de marca branca”

David Amor: “Eu teño a teoría de que os cómicos somos filósofos de marca branca”
David Amor levará esta tarde o seu novo monólogo ao teatro ferrolán

Ten moitas ganas de reencontrarse co público. “Imos rir e imos estar un ratiño desconectados”, di David Amor sobre a súa visita, esta tarde (20.00 horas), ao teatro Jofre. Alí presentará o cómico pontevedrés a súa nova proposta, “Love está no aire. O espectáculo máis sinceiro do mundo”.


Falará dunha das cousas que máis lle gustan, a televisión, concretamente de “todos eses programas que me teñen tan tolo”, di, mais tamén dun dos temas convertido xa en todo un clásico nas súas “contadas”, o da aviación, que desta volta achegará ao público desde a perspectiva dos traballadores do sector e non dos usuarios, como viña facendo en anteriores ocasións.


O pontevedrés leva esta tarde ao teatro Jofre –20.00 horas– o seu novo espectáculo de humor “Love está no aire”


Pero, ¿de onde ven esa atracción con todo o que ten que ver cos aeroportos? “Pois porque son lugares nos que paso moito tempo, esa é a razón”, ri. “Cando comecei e traballar fóra, axiña tiven claro que quería seguir vivindo en Galicia, e iso obligábame a estar collendo avións todas as semanas”, conta. “E no aeroporto, con sentarse e mirar, un xa saca grandes teorías sobre a especie humana”, engade.


Achegas

Teorías e situacións ás que el, como humorista que é, fai as súas propias achegas. “É esa manía que temos os cómicos de ter unha mirada un pouco distinta do mundo que nos rodea. Eu teño a teoría de que os cómicos somos filósofos de marca branca; non nos daba a intelixencia como para chegar a ser filósofos pero si que temos unha visión distinta da vida”, comenta en ton humorístico.


Moitas das historias coas que hoxe tentará entreter aos espectadores veñen así, di, “de situacións que a todos nos pasan e ás que ti lle das unha visión distinta”, ás que Amor engade ademais esas “curiosidades que a min, persoalmente, fanme moita graza” e, por suposto, a ficción “pura e dura” para espertar as risas dos espectadores a través do seu novo monólogo. Entradas desde 10 euros. 

David Amor: “Eu teño a teoría de que os cómicos somos filósofos de marca branca”

Te puede interesar