A ver se me aclaro… Que eu lembre, foi un goberno do PSOE quen fixo a malchamada “revonversión” do naval na ría, vai para corenta anos; sacrificando o sector para entrar na actual UE. Que eu saiba tamén, nese espazo temporal PSOE e PP turnáronse nos sucesivos gobernos do Estado, tendo competencias claras para reverter os efectos do desmantelamento industrial derivado daquelas medidas. As mesmas competencias, por certo, que ten o actual goberno do Estado, que conforman PSOE e Podemos.
Comezo por aclarar esas premisas, dado que resulta evidente que PSOE e PP continúan na estratexia de utilizar o naval para zouparse mutuamente, en troques de adoptar medidas concretas nas respectivas institucións nas que gobernan. O que non impede –nunha política de xestos e profundamente fraudulenta– que logo algúns cargos orgánicos e municipais destes partidos queiran aparecer –coma nestes días- liderando as demandas da comarca que, pola contra, desatenden os seus partidos na Xunta e no goberno do Estado.
Esa perigosa tendencia á amnesia agroma cada vez que se prantexa un debate serio, de fondo, e con propostas que implican actuar realmente para modificar o estado actual de cousas. Desque se levantou o veto oficial á contrucción naval na antiga Astano –hai máis de seis anos–estáse a praticar outro veto real; como demostra que nese espazo temporal nen se teña prantexado polos gobernos a posibilidade de optimizar os estaleiros de Ferrol e Fene, que constitúen instalacións privilexiadas. E aí temos a Navantia Fene convertido nun taller de montaxe para eólica mariña e Navantia Fene condeada definitivamente ao segmento militar.
Son os mesmos –falo dos partidos que gobernan na Xunta e no Estado- que no seu momento pretenderon inocular na sociedade comarcal a idea de que o naval non tiña futuro; coma se de repente secasen os mares…E bombardearon día e noite coa idea de que o futuro era a diversificación. O importante era, seica, poñer algúns cartos – que saen dos impostos que pagamos todas e todos nós- riba da mesa para que viñesen empresas; aínda que logo rematen pechando ou marchando.
Lembremos. O PSOE comezou a privatización de Endesa no 1988 coa venda do 25% das accións, continuando logo o PP o proceso dez anos despois; facéndose finalmente co control a empresa ENEL, onde participa o estado italiano. Como contrapartida, moitas persoas dos dous partidos pasaron a formar parte dos consellos de administración da empresa. Agora, a antiga Endesa decide que, unha vez esquilmados os nosos recursos e procurado abondoso beneficio económico; xa pode marchar. Como marchan empresas –Poligal antes, Gamesa agora- deslocalizando ou simplemente pechando, iso sí, logo de coller os cartos públicos.
E continúa a amnesia, seica. Porque falar do que fixo e fai o BNG ao respecto do naval na ría require, en primeiro lugar, coñecimento e rigor no tratamento dos feitos. Eu recomendaría sinceiramente a quen fala por boca do PSOE que consulte as sesións dos parlamentos e tamén as hemerotecas; para se decatar que nunca o BNG fixo proposta de privatización –modalidade na que o PSOE é auténtico experto, por certo– da antiga Astano. Cousa diferente é que se fale da iniciativa dun estaleiro privado para utilizar parte das instalacións que, por certo, ficou inviabilizada polo veto político –avaliado polo PSOE– que pesaba sobre as instalacións. E aí temos as instalacións dun grande estaleiro público, impedido –por falta de decisión política– de facer barcos.
Con todo, o que resulta verdadeiramente chamativo é que a representante do PSOE saíse con esas declaracións para, presuntamente, retrucar a denuncia do BNG ao respecto da posíbel cesión das instalacións de Fene á empresa privada Windar para que ésta execute un contrato para fornecer de Monopiles a Iberdrola nos vindeiros cinco anos. E que, nesa hipótese, Navantia pase de ter unha participación que estaba ao redor do 70% para quedar agora no 8%. Navantia –empresa pública– fai os investimentos -sobre 20 millons de euros- para acondicionar as instalacións de Fene e Windar recollerá os beneficios.
Reconfórtame, iso sí, que a mesma persoa anuncie que “pedirán información detallada do proxecto”; polo que conclúo que no momento de criticar o posicionamento do BNG nen siquera coñecían do que estaban a falar. Feito que, tendo en conta que o PSOE está no goberno e ten responsabilidades na empresa pública Navantia, non deixa de ser verdadeiramente patético. Cousas da amnesia....