Nación de Margarita ledo

"Sobrepasar as cercas fainos nación”...


Comezo este pequeno relato do filme de Margarita Ledo cunha frase que pon na boca da actriz Mónica Caamaño, case ao remate da proxección.


Esta frase ben pode atarse con outra de cando rememoran a súa loita polo peche da fábrica de Pontesa, unhas das protagonistas mirando ao mar e recordan o que dicía unha delas... “tardámosche ben en ser nación”...


Nación é un filme de mulleres, feito por unha muller que fica a súa ollada penetrante sobre un grupo de mulleres esgazadas pola realidade, coma a imaxe que representa o chan cuberto de louza esnaquizada.


A estas mulleres deulles voz e saben poñerlle nome a súa desigualdade, aos prexuízos de que son vítimas. 

Loitaran contra eles aínda que lles custe grandes renuncias, mais fican abraiadas diante da falla de solidariedade dos seus compañeiros, diante da falla de xustiza polos compromisos rotos, polo espolio inxustificado, pola agresividade da xustiza, pola impunidade dos grupos de poder...


Percorren un camiño longo e cheo de maleza, pero non cabe nas súas cabezas, volver atrás, recorrerano de tódolos xeitos e maneiras. A renuncia representaría admitir a normalidade de traballar sen cobrar, normalizar que son seres inferiores, sen outro valor que o que lles poida aportar un home, sexa pai, irmán, parella...


Un salario representa a liberdade, a outoestima, a dignidade e poder negarse a vivir caladas baixo o dominio do patriarcado que as oprimiu, que as usou como obxectos ao seu servizo e desfrute desde a noite dos tempos.


“Todo mundo calaba, e elas tamén, que remedio”.


Mónica Caamaño, sentada, coa fouce de rozar a bouza na man, despois de librar un carreiro polo que atravesa di...”eu tamén calei”... Logo nomea unha por una ás mulleres que despois de perder o Xuizo contra a liquidación de Pontesa foron castigadas, marcadas, abandonadas, encerradas... “E a xente a rir”... A beleza e a calma das paisaxes rompese coa música de auxilio de unha Mercedes Peón, espléndida, da loita nas manifestacións e polos berros de dor destas mulleres que vomitan a lama da que nos alimentaron durante séculos.


A realidade imponse pero nunca seremos as mesmas. Boa viaxe Galiza. Eva Veiga recolle as sombras da loita nas rochas.


Parabéns a Margarita Ledo por este impresionante filme, ogalla reciba os recoñecementos que merece: Pola súa mensaxe, pola beleza das imaxes e por ser un berro de loita e esperanza.

Nación de Margarita ledo

Te puede interesar