Carreño: “Non é a nosa Semana Santa pero estamos satisfeitos, sacamos unha espiña do corazón”

Carreño: “Non é a nosa Semana Santa pero estamos satisfeitos, sacamos unha  espiña do corazón”
Imaxes de María Magdalena e Cristo Resucitado na carpa do Parador | Jorge Meis

A Semana Santa de Ferrol de 2021 non foi a conmemoración da Paixón de Cristo na que participan centos de persoas, Festa de Interese Turístico Internacional, pero tampouco o silencio anguriante do 2020, cando a xente tiña que permanecer pechada nas súas casas. A exhibición ao público das imaxes, preparadas nos seus altares e tronos, en templos e carpas, resultou un pequeno alivio que promete un 2022 en plenitude de facultades. “Non é a nosa Semana Santa, pero estamos satisfeitos”, apuntaba onte o presidente da Xunta de Irmandades e Confrarías, César Carreño. “Foi sacarnos unha espiña do corazón”.


A concatedral de San Xiao, a igrexa das Angustias, as capelas da Mercé e da Orde Terceira e as carpas instaladas en Amboage e no Parador foron os lugares polos que puideron pasar os fieis desde o sábado 27 para contemplar as imaxes que non podían transitar polas rúas en procesión. Os que se moveron, neste caso, foron os espectadores. E con orde e tranquilidade. Chegou a haber colas nos días festivos máis importantes pero sen aglomeracións. Carreño apunta que sabían que estas exposicións ían ter resposta cidadá pero que existía certa preocupación se nun momento dado podía haber moita afluencia. Porén, non foi así, “e estivo moi controlado”.


No espazo do Parador amosábanse onte as imaxes de María Magdalena e de Cristo Resucitado, da confraría da Soidade, da Orde Terceira, ao tempo que se recollían alimentos non perecedoiros. A cara solidaria tamén se mostrou durante o sábado, na entrega de doazóns na urna aos pés da Virxe da Caridade e o Silencio, en Esteiro.


A de onte foi a xornada final dunha Semana Santa que adoita ter o Luns de Pascua un peche romeiro na ermida de Chamorro, que tampouco este ano se poderá celebrar.


Ausencia musical

Entre as moitas ausencias destes días, destaca a da música, un acompañamento que pon banda sonora á Semana Santa e para a que hai agrupacións creadas ex profeso que ensaian todo o ano. Para eles tiveron unha lembranza especial desde as irmandades ao longo desta semana. “Levan desde marzo do ano pasado parados”, explica César Carreño, “e é unha ausencia importantísima, pero non puido ser”.


A vista está posta xa no ano que vén, cando a Semana Santa caerá entre o 10 e o 17 de abril. En breve reunirase a Xunta de Irmandades e Confrarías para avaliar a celebración que acaba de rematar e preparar xa a seguinte, con actos que empezarían a tomar forma no último trimestre deste ano e coa esperanza de que para entón deixaramos atrás a pandemia. “Que sexa normal, a de sempre, a que sabemos facer ben”, expresa Carreño.

Carreño: “Non é a nosa Semana Santa pero estamos satisfeitos, sacamos unha espiña do corazón”

Te puede interesar