Víctor Freixanes, reelixido presidente da Real Academia Galega

Víctor Freixanes, reelixido presidente da Real Academia Galega

O editor Víctor Fernández Freixanes foi reelixido presidente da Real Academia Galega (RAG) no pleno celebrado este sábado, con 17 votos a favor, tres en branco e catro ausencias.


Acompáñano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesourería, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría.


Tras o pleno, Fernández Freixanes, único candidato que se presentou ao cargo, compareceu ante a prensa para agradecer a “confianza” do pleno e instar a Academia para exercer “ críticamente” o seu papel diante das institucións responsables da política lingüística.


O equipo, subliñou, traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzo do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova.


Ademais, puxo en valor que “por primeira vez” hai tres mulleres e dous homes na dirección desta casa, polo que se comprometeu co “fortalecemento” da presenza da muller.


A única que non estaba presente na comisión executiva anterior era a cineasta Margarita Ledo, que xa formara parte do equipo presidido por Xesús Alonso Montero.


“A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insobornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor poñéndoo ao servizo da sociedade”, subliñou Freixanes.


Neste sentido, expresou que “o que non se comunica non se coñece”, polo que se marcou como obxectivo ser capaces de, sen substituír aos políticos, “exercer a vocación de elementos críticos ao redor dun patrimonio que consideran “ameazado”.


“Temos que exercer críticamente o noso papel diante das institucións responsables da policía lingüística, que son a Xunta, as Deputacións, os Concellos, pero tamén a sociedade civil, as asociacións de empresarios e de traballadores”, recalcou.


Así, Víctor F. Freixanes, que foi elixido presidente por primeira vez en 2017, indicou que todo o mundo ten “unha responsabilidade” no futuro do idioma.


Por iso, expresou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo nas novas xeracións, polo que insistiu na necesidade de seguir avanzando en proxectos que teñen á mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación, como para promover o seu uso.


Outro dos retos aos que se enfrontan, destacou, é a globalización e o desafío das novas tecnoloxías. Tamén puxo en valor que durante o 2020 o dicionario da RAG recibiu 38,5 millóns de consultas de léxico.


Pola súa banda, o ata o de agora presidente en funcións, Henrique Monteagudo, comentou que a candidatura de Freixanes saíu adiante con 17 votos a favor; tres en branco que computan como abstencións, mentres que houbo catro ausencias “non desculpadas” de membros do pleno. “O censo está moi limitado porque desde comezos da pandemia tivemos catro falecementos”, explicou.

Víctor Freixanes, reelixido presidente da Real Academia Galega

Te puede interesar