Hai uns tres anos que trocou Fene, donde viviu sempre, por Montemolín, un pequeno pobo no sur de Extremadura, terra do seu pai. Mais esta calurosa fin de semana tocou facer as maletas para regresar á vila na que en 1984 fundaba o Museo do Humor, do que durante máis de vinte anos foi tamén o director.
Xaquín Marín, que o vindeiro outubro cumprirá 78 anos, volta a casa para recibir, mañá, o Premio Rosalía de Castro co que a Deputación da Coruña recoñece a personalidades e iniciativas que traballan na promoción do galego en todos os ámbitos. A súa candidatura foi presentada polas áreas de Museo e Normalización Lingüística, co apoio da Concellería de Cultura e do goberno municipal de Fene. “Cando dan un premio ao que non te presentaches é sempre unha satisfacción grande”, di.
Chégalle este recoñecemento cando se cumpren cincuenta anos dos seus primeiros cómics, en 1971, para Chan, a única publicación galega que había entón. El, que ía para pintor, di, decantouse pola banda deseñada seguindo os consellos do tamén ilustrador Raimundo Patiño, “que me dixo que o meu debuxo era apropiado para facer cómic”. Foi aquela, salienta, unha época bonita. “Era difícil, e por iso era bonita. Había que exprimir un pouco a intelixencia para tratar de esquivar á censura".
O xurado do Rosalía de Castro valorou precisamente o compromiso continuado no tempo, o alcance social do seu traballo e o feito de facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual. Na actualidade, o problema, a xuízo de Marín, é que non se lle dá ao humor gráfico a importancia que ten noutros países, como por exemplo Francia, Brasil ou Portugal, onde hai moitos humoristas que publican na primeira plana. “Aquí, en toda España, danlle un recuncho lonxe da vista da xente e listo”.
Pensa tamén que habería que poñer máis en valor o humor galego, que “se vai perdendo porque a contaminación doutros tipos de humor é moi grande. Aquí coñecemos moito máis a Chiquito de la Calzada que a un humorista galego”. Enxalza o Museo do Humor, que, durante a súa etapa como director, lle brindou a posibilidade de acudir como xurado a países como Brasil ou Venezuela; e considera que “todas as actividades que se fagan arredor do humor, coido que axudan a que miremos o panorama cunha visión moito máis poliédrica da normal”..