San Bartolomé de Queixeiro: o santiño xa non vai quedar sen casa

San Bartolomé de Queixeiro: o santiño xa non vai quedar sen casa
Imaxe do templo na fase final dos traballos de rehabilitación | cedida

Días antes de morrer, a nai de Manuel pediulle unha cousa: “Non deixes o santiño sen casa”. O santiño é Bartolomé e a casa, a ermida desta aldea da parroquia monferina de Queixeiro que logo de anos de deterioro colapsou en 2014, aínda que desde algúns anos antes a misa do patrón xa se celebraba fóra, na eira, polo risco de derrubamento.

Hoxe, logo dun longo proceso no que se involucraron sen reservas os cinco veciños do lugar, a capela está restaurada e, para celebralo, reinaugurarase o vindeiro sábado, ás cinco, nun acto ao que asistirá o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, institución chave na rehabilitación do templo.

A historia da ermida de San Bartolomé remóntase á Idade Media, aínda que non se coñece con precisión o momento no que foi erguida. A primeira referencia escrita coa que se conta data de 1404, polo que é moi probable que a súa orixe se sitúe entre finais do XIII e comezos do XIV. “Alí pagábanse os foros a Caaveiro”, explican os veciños, “pero coa desamortización perdeuse toda a documentación”. Nese traballo andan agora os impulsores da restauración para poder recuperar a súa historia e evitar que se perda na noite dos tempos.

Había anos que os veciños viñan reclamando unha actuación que freara o deterioro do templo antes de que fose irreversible. En 2006 comezaron a observar ese desgaste, tanto na cuberta como nos muros, consecuencia de estar levantada sobre un terreo en pendente que, coas escorrentías, tiraba da capela para abaixo.

Anos despois, en 2014, unha das vigas cedeu e a parte central do tellado desmoronouse. “Entón reunínomos e dixemos que iso non podía ser, que había que facer algo”, lembran, “e tiramos para adiante”.


Implicación do Arcebispado


A través do párroco puxéronse en contacto co Arcebispado de Santiago, propietario da ermida, que, segundo explican os veciños, “non só autorizou a intervención, senón que se implicou en todo e en todo momento”. “Desde o primeiro intre, o Arcebispado estivo con nós”, recalcan.

Os traballos comezaron en 2018. Houbo que derrubar a parede frontal e parte das laterais que se vían afectadas polo seu estado. Nesa primeira fase rehabilitáronse os muros e construíuse unha drenaxe, pero quedaba a cuberta. Foi entón, sinalan os veciños, cando entrou Patrimonio da Xunta. Agora, dous anos e medio despois, San Bartolomé loce unha capela renovada. Quedan tarefas pendentes que os veciños queren tamén desenvolver, como as que afectan ao retablo, tralo que se agochan unhas pinturas.

Aínda sen culminar a obra, os promotores desta intervención recoñecen que “nos teñen saltado algunhas bágoas polo resultado” de ver recuperado un elemento de tan alto valor sentimental. O santiño, pois, non quedará sen casa e para a intrahistoria de Queixeiro queda xa para sempre o tributo dos seus habitantes aos que viviron alí antes. “Eles non a deixaron caer e nós non podiamos permitir que así fora”, afirman. 

San Bartolomé de Queixeiro: o santiño xa non vai quedar sen casa

Te puede interesar