Grandes artistas e mellores persoas

Cando un fala de Lucía Pérez ou do seu irmán Xabier Vizcaíno non quedan dúbidas de que son dous dos grandes músicos e artistas, da boa canteira da que podemos presumir que temos na nosa Terra. A traxectoria de Lucía, que a coñecemos dende pequena participando naquel Canteira de Cantareiros do Luar da televisión de Galicia, é de sobra coñecida. Vímola medrar persoal e artisticamente, así como triunfar de maneira internacional. Deste xeito podemos recordar aquel ano 2004 no quedaba nin máis nin menos que nun segundo posto no festival internacional de Viña del Mar en Chile, e uns poucos anos máis tarde lograba ser nin máis nin menos que a primeira galega en chegar a representar a España no festival de Eurovisión. Recorreu miles de escenarios por todo o mundo e é una das artistas internacionais que temos no noso país. En definitiva, tal e como di a súa canción, pode dicir ben alto, “que me quiten o bailao”.


Sen embargo, non é isto o que fai que un ou unha artista sexa grande. Por sorte, e por circunstancias ou casualidades da vida, hai un par de anos dende a Asociación de Acordeonistas de Canido – Ferrol decidíamos tratar de contactar con alguén que puidese presentar un Festival de acordeóns que estabamos a intentar darlle forma e que posteriormente a COVID faría que tivese que agardar. Nas diferentes reunións o nome de esa persoa que conducise o festival non daba lugar a dúbidas: Lucía Pérez.


Dende a primeira chamada, Lucía estivo disposta a axudar e a colaborar en todo momento. Dende aí tiven a sorte de poder coñecer a parte máis humana da artista e puiden comprobar que detrás da gran cantante había tamén unha excelente persoa, así coma una gran familia. Tanto ela coma o seu irmán Xabier Vizcaíno, pasaron a ser bos amigos, nos que un descubre que para eles por riba de todo está a humildade. Eles saben de onde veñen, e a cada sitio a onde van presumen da súa terra e de ser “nenos de monte”.


O pasado sábado día 11, Lucía e Xabier actuaban no noso precioso teatro Jofre, nun concerto fermoso. Despois de tantos meses de complicacións, a noite faise día e a música coas súas emocións axuda a ver a luz. Os ferroláns e as ferrolás necesitaban voltar a sentir a emoción da música, e Lucía e Xabier xunto cos demais músicos que os acompañaban foron capaces de facer que o público non so gozase coa súa música. Foron quenes de converter o patio de butacas do Jofre no salón das nosas casas, de crear un ambiente onde se palpaba a cercanía e a humildade que eles teñen e desprenden. Grazas por ser grandes artistas e tan boas persoas, esperemos tervos de novo pronto por ferrolterra.

Grandes artistas e mellores persoas

Te puede interesar