“Valentina”, o primeiro filme dirixido por Chelo Loureiro, estréase o día 10

“Valentina”, o primeiro filme dirixido por Chelo Loureiro, estréase o día 10
Imaxe de Valentina, a protagonista do filme musical de animación dirixido pola ferrolá Chelo Loureiro

Comeza a conta atrás para que o público poida gozar de “Valentina”, a primeira película dirixida pola recoñecida produtora ferrolá Chelo Loureiro, fundadora de Abano Producións. Dan man de Super 8 Distribución, a cinta chegará a un elevado número de salas de cine de toda España o vindeiro 10 de decembro, data fixada para a estrea.

A gran pantalla amosará ese día a Valentina, unha nena que soña con ser trapecista pero que pensa que nunca o conseguirá por ter síndrome de Down. A súa avoa, compañeira de xogos e aprendizaxe e peza fundamental na historia, ensinaralle que nunca hai que perder a ilusión nin as ganas de aprender. Grazas a ela, a pequena irá descubrindo todo aquelo do que é capaz nunha viaxe máxica dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro e coescrita con Lúa Testa, a súa filla.


Colaboracións


Xunto a elas, outros recoñecidos ferroláns como Andrés Suárez, María Manuela, Helga Méndez e Coke Couto, poñen a súa voz a algúns dos personaxes e dos temas que sonarán neste filme musical de animación que é “Valentina”.

O proxecto contou tamén coa colaboración de Emilio Aragón, creador da canción “Eres especial” que forma parte da banda sonora; de Nani García, compositor da música; así como de recoñecidas voces da lírica galega, como Uxía e Pilocha e da pequena Alicia Rábade.

Dúas nenas con síndrome de Down, Lucía Seren (na versión en galego) e Josephine Lockhart (en castelán), interpretan a voz da protagonista. O deseño de personaxes e escenarios –estos últimos inspirados na xeografía galega e concretamente en diferentes enclaves do Camiño de Santiago, incluída a cidade naval, Pontevedra e Ourense– correu a cargo de David Pintor.



CHELO LOUREIRO


O filme, ópera prima como directora da recoñecida e premiada produtora ferrolá, naceu coa vontade de visibilizar a realidade dun colectivo que desexa ser artífice da súa propia mensaxe no camiño cara a plena cidadanía.

O proxecto levaba moitos anos na mente de Loureiro, no seu obxectivo de traballar o tema da inclusión con asboluta normalidade. Coa mesma normalidade coa que ela viviu de preto o tema da discapacidade, a través dunha irmá con polio. En “Valentina”, a directora ferrolá fala de inclusión, de diversidade, de crecemento, de non perder nunca a ilusión e do amor incondicional ás avoas.

Todo isto aderezado con fermosas imaxes e divertidas e alegres cancións que o vindeiro 10 de decembro sonarán desde a gran pantalla do cinema no debut como directora de Loureiro.

Valentina” é unha coprodución de Abano Producións, Antaruxa, El Gatoverde Producciones, Sparkle Animation e Valentina la Película, A.I.E. que conta coa participación de RTVE y RTVG, coa financiación do Goberno de España ICAA e que tamén foi subvencionada por AGADIC-Xunta de Galicia. Conta ademais co apoio de Crea SGR, AFIGAL e as Deputacións de Pontevedra, Ourense e do Concello de Santiago.


 

“Gustaríame facer unha preestrea en Ferrol, pero ao Concello parece que non lle interesa”

Chelo Loureiro, cunha xa moi recoñecida traxectoria no campo da animación cinematográfica, ata o de agora do lado da produción –en 2017 acadou un Goya por “Decorado”, dirixido por Alberto Vázquez–, vén de dar un paso máis neste eido co seu debut como directora. Logo dun intenso proceso de creación, que se prolongou máis do agardado por mor da pandemia, o vindeiro mes estreará a súa ópera prima “Valentina”, un traballo no que trata o tema da discapacidade. “Era un tema que me apetecía moito tocar; o tema da igualdade dentro das diferenzas”, comentaba onte. Inmersa na voráxine que sempre supón o lanzamento dunha cinta, máis aínda cando nunha empresa pequena como a dela todo ten que pasar polo seu “tamiz”, Loureiro recoñece estar feliz por poder ver culminado este proxecto tan persoal. “Estou moi contenta porque creo que é unha película moi bonita e sobre todo pola cantidade de xente de Ferrol que está implicada na mesma”, di.

O vindeiro 4 de decembro terá lugar a preestrea en Madrid, nos Cines Palacio de la Prensa. Iso si, gustaríalle, e moito, poder facer tamén outra presentación do seu traballo na súa cidade, Ferrol, aínda que, ao seu xuízo, “ao Concello parece que non lle interesa a película nin todos os que traballamos nela; Eu xa contactei e me reunín con eles, pero non se puxeron en contacto comigo. Aínda que non está pechado, a estrearemos probablemente en Santiago, que lles interesa máis que en Ferrol”, manifestou. O excelente equipo que acompañou a Loureiro nesta aventura e o traballo de Luci e Pepa, as dúas nenas con síndrome de Down que poñen voz a Valentina, son dous dos aspectos a que a directora salienta deste ilusionante e enriquecedor proxecto.


“Valentina”, o primeiro filme dirixido por Chelo Loureiro, estréase o día 10

Te puede interesar