a Deontoloxía forma parte da Ética e trata dos deberes e principios que afectan a unha profesión. Ten que ver coa autorregulación no exercicio profesional e o sentido de responsabilidade que marca as pautas éticas do desenrolo dunha actividade. Ata aí perfecto. Pero unha cousa é predicar e outra ben distinta dar trigo, ou mesturar as churras coas ovellas.
O xornalismo é unha profesión magnífica cuxa base deontolóxica susténtase en contar a verdade, o que sucede realmente, e transmitilo así á sociedade. Un bo xornalista debe estar posuído de credibilidade, un concepto que se gaña a pulso, pero algúns están más preocupados en acadar popularidade antes que credibilidade e levar iso ao campo da publicidade.
Hai cousa que chirlan, e moito, en certos xornalistas comunicadores. Poñamos un exemplo: nun xornal do mediodía na sección de meteoroloxía, logo de poñermos ao día nas baixas presións, nas borrascas, na evolución da erupción do volcán na illa de La Palma e do que nos ven por diante, vai o presentador, sen cambio de escenario, no mesmo formato, e cóntanos as bonanzas desa crema para despois de barbear que nos deixará a pel da cara coma o cu dun bebé. Isto é rachar con descaro coa ética do xornalismo. Se de aí pasamos a un programa deportivo pois igual: logo da noticia a xornalista, dende o mesmo estudio, fainos a recomendación de que xoguemos nunha determinada casa de apostas, etc, etc.
Meteren no mesmo caixón a información xornalística e a publicidade creo que non é serio e en certo modo denigra ao profesional que se presta a esas escuras manobras publicitarias na claridade das pantallas nun informativo. No apartado segundo do parágrafo 6 do Código Deontolóxico do Xornalista lese: “ Enténdese contrario á ética da profesión xornalística o seu exercicio simultáneo coa publicidade”. Señores, estes son os meus principios pero si non lles gustan teño outros, dixo o Marx, o cómico, claro. E moran cómodos na dicotomía xornalismo-publicidade.
Non teño claro se atentarán tamén contra esta norma aqueles xornalistas que anuncian mercadorías nun espazo limitado á publicidade como, por dar algún nome, Pedro Piqueras ou Matias Prats ( fora dos espazos informativos ) O que chama poderosamente a atención, reitero, é que xornalistas, sen solución de continuidade, en activo, no seu espazo informativo, fagan publicidade de artigos de consumo.
O xornalista non debe converterse nun charlatán de feira. Pero o mesmo estou equivocado.