Medos Romero: “Este libro é unha viaxe interior da persoa, ás súas raíces”

Medos Romero: “Este libro é unha viaxe interior da persoa, ás súas raíces”
Medos Romero

Di que o seu libro “E o sol era Ela”, gañador do XIX Premio de Poesía Afundación –dotado con 6.000 euros–, “é unha excavación, unha viaxe ao interior da persoa, ás súas raíces”. As dela están ben suxeitas á terra do alto Eume, en Somede, nesa “Galicia profunda” onde Medos Romero (As Pontes, 1959) descubriu de nena, “sen sabelo”, a poesía e a meditación. “A miña poesía sae da música do acordeón do meu pai, que o tocaba marabillosamente, e das narracións do meu pai e da miña nai; é dicir, naceu da literatura oral, non tanto dos libros, porque a miña casa era humilde, só había libros da escola”, conta.


Comeza a crear “tardíamente” pero xa ten publicadas máis dunha decena de poemarios e varias obras de narrativa. Aos premios de Poesía Miguel González Garcés (2006) e o de Poesía erótica Illas Sisargas (2019) suma o que esta tarde (19.00 horas) recibirá na sede ferrolana de Afundación.


“A verdade é que me sorprendeu e fíxome moi feliz, porque é un galardón importante. Eu vouno recoller con humildade, porque fun eu pero podería ser outra ou outro poeta. Nesta colección están nomes como Luz Pozo Garza, Xohana Torres, o mesmo Álvaro Cunqueiro... estou moi contenta”, salienta. A súa obra foi a elixida entre as 42 presentadas á convocatoria de Afundación, a Obra Social de Abanca, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Centro PEN de Galicia.


“Trátase dunha obra creada a partir do profundo dominio do ritmo e da contención que nos leva a finais abertos, sorprendentes e mesmo paradóxicos. Medos Romero consegue no seu libro ‘ser, ao fin, salvaxemente humana’”, salientou o xurado.


Obra

En palabras da autora, “E o sol era Ela” constitúe unha historia de principio a fin. Unha voz feminina fala dunhas vivencias que van fiando todo o poemario.


Entre a variedade de temáticas, sobresae a que ten que ver coa necesidade vital “de sentirse amado, que eres amado, protexido, porque esa carencia da proteína do amor, do máis necesario, do arroupo máis imprescindible, se non o sintes, pódete levar á autodestrucción e a un sufrimento e dor tremendos, podes chegar a ter un desgarro brutal como persoa”, apunta.


Medos Romero quería neste libro falar da vida, pero “da vida de verdade, pero non este xeito de vivir que temos como se esqueceramos un pouco ás veces que somos humanos e que somos parte da vida coa natureza, coas árbores e cos animais”. A obra recolle así mesmo a atracción que a autora sempre sentiu “por aquilo que pode ser máxico ou sobrenatural” así como o seu profundo amor pola natureza. E matiza: “Moitas veces cando falei destas cousas se interpretou mal, se interpretou a relación coa terra, como unha reivindicación do rural. E non é iso. Refírome ao amor pola natureza na procura da calma, do sosego, da caricia e do benestar que te produce a propia natureza. Non é unha mirada á paisaxe, nin sequera unha reivindicación do mundo natural; é a capacidade de integrarte física e espiritualmente no propio cosmos, sentirte como parte da terra, do ríos e dos bosques. Eu creo que a natureza ten a capacidade de darnos en moitos casos benestar físico e incluso a sanación, pódeche dar calma, e incluso che podería dar alegría de vivir”.


Sanitaria de profesión e residente en Valdoviño, exerce como enfermeira no centro de Saúde das Pontes. O seu colectivo viviu a pandemia desde a primera liña de fogo. “Eu estou xa nun centro de saúde pero sempre recordei e aplaudín aos meus compañeiros do hospital. Foi difícil e sigue sendo, porque non está todo escrito sobre esto. Eu penso que nin a sociedade nin os gobernos están á altura do esforzo e da entrega que fixemos e facemos os sanitarios”.


Esta tarde, ás 19.00 horas na sede ferrolá de Afundación, Medos Romero recibirá o Premio de Poesía nun acto no que recitará unha escolma dos poemas recollidos na obra galardoada. “E o sol era Ela”, acompañada dunha creación audiovisual.

Medos Romero: “Este libro é unha viaxe interior da persoa, ás súas raíces”

Te puede interesar