Cambiar mentres estamos a tempo

en moi pouco tempo, malia que a vacinación acadou unha porcentaxe moi grande, estamos asistindo á unha nova onda da pandemia e, aínda que se lle queira botar a culpa á variante surafricana, o certo é que o número de contaxios por esta cepa é mínimo, polo momento. Non se trata de responsabilizar só ás administracións, dado que se trata dunha situación sen precedentes. Mais, cando a situación se repite unha e outra vez, case como un calco, amosa que tiñan razón os científicos que dicían que non habería protección mentres non se vacinase a todo o mundo. O virus non entende de fronteiras, e mesmo coa vacina non se poden eliminar medidas preventivas básicas, como a distancia entre persoas, a mascara, reducir a mobilidade,...

A pandemia, tal como ten evolucionado, amosa que o sistema económico e social actual está esgotado, dende a economía de escala, ate a mobilidade masiva, o amoreamento urbano,... que se suman á escaseza de recursos primarios, desfeita ecolóxica, ás migracións masivas forzadas, aos atrancos no transporte, á especulación financeira, á centralización da economía nunhas poucas empresas, á desigualdade, á precariedade, e ás guerras e sancións que esmagan nacións enteiras. A pandemia deixa ao descuberto que a cuestión de fondo é moito máis profunda que un virus e o cambio climático, reflicte que o sistema económico e social ten que ser transformado.

A realidade amosa un mundo con límites, tanto respecto dos recursos como das capacidades demográficas e polo tanto do consumo; e que está en cuestión o modelo económico e social e o modo de vida do ser humano. Por exemplo, que un barco varado na canle de Suez atranque bens necesarios en distintos recunchos do mundo, especialmente os que teñen un papel subalterno. Daquela, non abonda con producir enerxía verde e dixitalizar os procesos produtivos, máxime cando este proceso todo indica farase en beneficio das grandes corporacións. Se deixamos que sexa así o resultado será unha maior concentración e centralización da economía e do poder, o triunfo da lei da selva.

A pandemia do covid non se pode tratar á marxe das causas: a ruptura do equilibrio coa natureza. Tamén daquilo que nos debilita: a mínima solidariedade, da precariedade e desigualdade, da falta dun sector público sanitario e farmacéutico potente. Se cadra esta sexa a última onda, mais a cuestión é aprender dela en todos os aspectos e desenvolver a inmensa capacidade do ser humano para evitar que se repita no futuro, cambiando solidariamente o que sexa necesario.


Cambiar mentres estamos a tempo

Te puede interesar