25 Aniversario | Onde o mundo se chama Ferrolterra

“Temos que defender os medios locais, tan imprescindibles para a boa saúde da vida en común como a calidade do aire que respiramos. Por fortuna, ese ecosistema pervive no Diario de Ferrol”
25 Aniversario | Onde o mundo  se chama Ferrolterra

Non é necesario ser de Ferrolterra para entender o que significa o Diario de Ferrol. O lema do periódico, ‘As cousas de aquí, contadas desde aquí’, sintetiza o primeiro e máis importante que precisamos do xornalismo, que nos conte e nos axude a entender o máis próximo. Da Magdalena a Caranza, do estaleiro ao Torrente Ballester, de Eume a Ortegal.


Por desgraza, ao periodismo local pásalle o que á atención primaria na Sanidade: é a base do funcionamento de todo o sistema, pero con frecuencia non recibe o interese nin os recursos que precisa. As actuais dinámicas dos medios, con redaccións cada vez máis pequenas e centralizadas, dan lugar ao paradoxo de que coñezamos case instantaneamente o que ocorre en lugares moi arredados e con frecuencia falten voces nas que escoitar a vida dos nosos barrios e parroquias. 

 

É así como algúns territorios se converten en ‘desertos informativos’, áreas nas que ningún medio fornece información de proximidade, como alerta un recente estudo da Universidade de Santiago. E así pérdese un servizo público esencial que contribúe á cohesión social, á fiscalización do poder, á vitalidade económica e á solidez democrática. A que poidamos coñecernos e recoñecernos, cos nosos veciños e veciñas, como cidade, concello ou comarca. 


Por iso temos que defender os nosos medios locais, tan imprescindibles para a boa saúde da vida en común como a calidade do aire que respiramos. Por fortuna, certo ecosistema de medios de proximidade pervive en boa parte de Galicia, con proxectos como o que representa Diario de Ferrol, unha aposta pola relevancia informativa do lugar onde o mundo se chama Ferrolterra. Un xornal que naceu entre dous séculos, no medio de grandes transformacións da cidade, da sociedade e do xornalismo, e que soubo unir desde o comezo veteranía e mocidade, lendas do periodismo ferrolán e novas xeracións de informadores e informadoras que agora collen o temón. 


Chegar aos 25 anos é unha fazaña que merece ser celebrada. En 2025 alcanzará tamén esa idade o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, vinculado a esta cidade a través da nosa demarcación ferrolá e das 20 edicións do premio José Couso que coorganizamos co Club de Prensa de Ferrol. Na entrega do galardón neste mes de maio puidemos escoitar ao primeiro director do Diario de Ferrol, Germán ‘Man’ Castro, cun discurso valente contra os relatos falsos, os abusos de poder e os ataques á liberdade de expresión; na defensa dun xornalismo veraz, rigoroso e incómodo. 

 

Entregábase o premio a dúas periodistas iranianas, Elahe Mohammadi e Nilufar Hamedi, condenadas a prisión por informar sobre a morte baixo custodia policial dunha moza, Mahsa Amini, acusada de poñer o veo de forma inadecuada. Mulleres xornalistas contando a vida, e polo tanto tamén a vida das mulleres, a metade da poboación, tantas veces esquecida aquí e alá. No seu contexto, malia as dificultades, en Irán ou en Ferrolterra, onde o Diario de Ferrol mira agora ao futuro cos ollos dunha directora, Cristina Rodríguez Calvo, que viviu estes 25 anos desde a súa redacción. Parabéns para ela, para todo o cadro de persoal do periódico e para os seus lectores e lectoras. 

 

Belén Regueira é a decana do Colexio de Xornalistas de Galicia

25 Aniversario | Onde o mundo se chama Ferrolterra
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar