As novas canles de comunicación dixital transformaron radicalmente os espazos de socialización da mocidade. Redes sociais centradas no poder da imaxe e no consumo rápido de contidos, dominan o día a día dunha xeración que relaciónase, aprende e crea nunha contorna profundamente dixital. No contexto galego, estas ferramentas presentan un desafío e, á vez, unha oportunidade única para o proceso de normalización da nosa lingua.
O galego, historicamente relegado, precisa afianzar o seu lugar como lingua viva, útil e moderna. E para lograr este obxectivo, é imprescindible integrar á mocidade, xeración chave na construción do futuro. Para iso, hai que entender a súa realidade: os seus espazos de interacción non son xa os libros de texto nin os medios tradicionais, senón as redes sociais e os contidos visuais e interactivos.
Neste sentido, o emprego do galego nestes espazos dixitais emerxe como unha forma de combater o seu esvaecemento e promover unha identidade lingüística renovada. Contas, nas canles de internet, que abordan temas cotiáns en clave de humor, comunicadores en directo galegofalantes que transmiten videoxogos ou creadores de contidos que normalizan o uso do galego en moda, cociña ou estilo de vida demostran que a lingua galega non é só patrimonio cultural, senón tamén unha ferramenta contemporánea e adaptable.
Porén, non debemos esquecer que estas iniciativas individuais, por valiosas que sexan, precisan do respaldo dun ecosistema institucional e social que as ampare. É fundamental que haxa formación, recursos e incentivos para que os mozos e mozas vexan no galego unha lingua coa que poden crear, innovar e alcanzar recoñecemento. As campañas públicas deben centrarse en destacar os beneficios e a riqueza que aporta expresarse en galego nestes novos contextos.
A normalización lingüística na era dixital non pasa só por preservar o galego, senón por convertelo nunha lingua activa e atractiva para a mocidade. Para iso, cómpre audacia, innovación e, sobre todo, a implicación da mocidade como principal axente de cambio.
Un exemplo salientable deste impulso é a iniciativa dos Premios “Youtubeiras+”, que nos próximos días darán a coñecer o fallo da súa última convocatoria. Este certame, promovido pola Deputación da Coruña, unha decena de concellos, e as universidades da Coruña, Santiago e Vigo, representa un modelo inspirador de como institucionalizar e apoiar o uso do galego nas novas canles. Nesta edición, celebrada baixo o lema “Fachenda ao cadrado”, recoñécese o labor das e dos creadores de contidos audiovisuais que empregan o galego para conectar coa sociedade dende a rede.
O web do certame recolle vídeos e canles que optan aos galardóns de cada unha das sete categorías en concurso, incluíndo, por primeira vez, un premio á mellor canle de TikTok.
Este novo recoñecemento evidencia a capacidade de adaptación do certame ás tendencias actuais e reforza o papel das redes como espazos cruciais para o galego. Con iniciativas así, non só se fai visíbel a creatividade da mocidade galega, senón que tamén se normaliza o uso do galego como lingua apta para todos os contextos, incluídos os máis innovadores e tecnolóxicos.