O municipio de Narón cítase un ano máis cun dos eventos xa consolidados no seu calendario anual. A décimo sexta edición da Concentración Moteira Cidade de Narón reunirá esta fin de semana a centos de afeccionados aos vehículos de dúas rodas, mais tamén a moito público disposto a gozar do ambiente e das actividades organizadas durante as tres xornadas polo Motoclub Fojeteiros, promotores dun evento que conta coa colaboración do Concello. No marco do mesmo desenvolverase ademais, como xa vén sendo habitual, as undécimas Xornadas de Turismo Activo.
As actividades darán comezo o venres, ás 18.00 horas, coa inauguración da concentración moteira, momento no que se abrirán as inscricións nas comidas e ceas e tamén comezará a funcionar tanto o mercadillo moteiro como as atraccións infantís localizadas no paseo de Xuvia, epicentro do encontro. Ás 21.30 horas haberá unha cea a base de callos á galega e bola doce con queixo para xa a partir das 22.00 horas ceder o protagonismo á música cos concertos dos grupos Keepers, Assia e The Rock Legend. Todo baixo a carpa instalada na zona para a celebración da cita.
Ao día seguinte, a actividade dará comezo ben cedo, sobre as nove da mañá, cun almorzo moteiro. Ás 11.00 horas partirá da zona a primeira das rutas mototurísticas da edición, que levará aos participantes ata Cedeira, para regresar a Xuvia sobre as dúas da tarde e compartir alí un menú a base de empanada galega e paella.
Pola tarde, ás 17.30 horas, será a quenda para unha exhibición de trial no paseo de Xuvia, con Juanda de la Peña e Víctor Palomares. Pola noite, logo da churrascada e a entrega de premios, dará comezo o tradicional desfile dos fachos por Narón. Os moteiros sairán do paseo de Xuvia pola estrada de Castela portando candeas que iluminarán ao seu paso no citado vial ata a Ponte das Cabras e de regreso a Xuvia. Finalmente, sobre as 00.30 horas, chegará a música coa Festa Moteira que incluirá no cartel a DJ Frisco e Marcos Peón.
A convocatoria rematará o domingo, xornada na que haberá unha nova ruta turística desde Narón a Valdoviño. Xa de volta en Xuvia, Patry Prado encargarase de amenizar a sesión vermú, para dar paso ao xantar, a base de langostinos á prancha e xamón escaldado. Haberá sorteo de agasallos antes da clausura da cita, que se prevé sobre as catro da tarde.
A alcaldesa e o concelleiro de Deportes en funcións, Marián Ferreiro e José Oreona, presentaban hai uns días o evento xunto ao presidente do Motoclub Fojeteiros, José Luis Bouza e as tamén integrantes da entidade Ana Belén González, Vanesa e Paquito Galaso, que agradeceron a colaboración prestada polo Concello e animaron á cidadanía achegarse e gozar desta nova edición.
Pola súa banda, Marián Ferreiro incidiu en que se trata “dunha oportunidade única para os amantes do motociclismo para desfrutar do gran ambiente desta concentración e dun completo e variado programa pensado para persoas de diferentes idades”. Ferreiro felicitou ao club local “polo intenso traballo realizado por convertir a Narón cada ano, dende hai xa dezaséis, nun referente do mundo do motor, con esta concurrida concentración”.