As Neves exalta o requeixo nunha festa repleta de actividades

As Neves exalta o requeixo nunha festa repleta  de actividades
O requeixo é unha prezada sobremesa que se elabora con leite cru | e.c.

A Festa do Requeixo da Capela chega este domingo ás súa trixésimo terceira edición e faino cargada de actividades, co manxar elaborado en Campo Capela con leite cru como protagonista. Milleiros de terrinas serviranse a partir do mediodía no entorno do campo da festa. Alí móntanse as jaimas que albergarán non só o espazo para a degustación senón tamén as exposicións e mostras que acompañan á celebración. Está previsto que a venda de tiques para a degustación comece aproximadamente ás 13.00 horas e poderase probar esta delicia con mel ou con azucre a prezos populares. 


A festa botará a andar cedo, ás once da mañá, coa música de Silbarda. Ás 12.30 horas oficiarase a misa e ás 13.15 darase lectura ao pregón, que este ano correrá por conta de Xan Veiga. Este humorista, monologuista e presentador encargarase de animar a celebración e dará paso á degustación. A música, na sesión vermú, poñeraa o grupo No Rem.


Seguirá soando pola tarde, a partir das 16.30, con Os Sobrados de Bergondo, que darán o relevo ás 17.30 a Brassica Rapa. Continuarán as actividades á tarde co espectáculo “Magia en la manga”  desde as 19.30 horas e tamén coa actuación do grupo Encrucillada.


O requeixo, malia ser o rei da xornada, non será a única opción gastronómica da que se poderá gozar. Ademais das opcións dos restaurantes da zona, disporase dun posto con polbo e churrasco, ademais doutras propostas de alimentación.
Outro dos atractivos para quen se achegue ás Neves durante a xornada do domingo será a exposición de maquinaria agrícola, así como a tradicional mostra de artesanía e oficios. 

As Neves exalta o requeixo nunha festa repleta de actividades

Te puede interesar