Cedeira edita e achega ao público a obra de teatro “Mares de Cedeira”, de Carlos Labraña

Cedeira edita e achega ao público a obra de teatro “Mares de Cedeira”, de Carlos Labraña
Os escolares que hai un ano estrearon a peza de teatro escrita por Labraña recibiron un exemplar I CEDIDA

Xustamente un ano despois da súa estrea por parte do alumnado de 2º de Primaria do colexio Nicolás del Río para o que Carlos Labraña escribiu a peza, a obra de teatro “Mares de Cedeira” ve agora a luz en papel con ilustracións de Diego Cheda e Quique Vázquez.


O Concello de Cedeira editou e imprimiu 400 exemplares dun proxecto que reflicte, en palabras da concelleira de Cultura en funcións, Ermitas García, o enorme talento que hai na vila. Partindo do texto que brindou o dramaturgo cedeirés, os escolares traballaron ao longo de todo un curso sobre unha acción e uns protagonistas xenuinamente cedeiresas, para representar a peza como remate do curso escolar.


O auditorio municipal acolleu o pasado domingo a presentación do libro nun acto no que se puxo de relevo a capacidade de traballo en equipo de todas as persoas implicadas. A concelleira agradeceu o traballo da profesora Dulce Carro, que dirixiu a posta en escea, do alumnado que este curso encara a recta final de 3º de Primaria e do tamén cedeirés Carlos Labraña, que cedeu o texto para a súa publicación e tamén para poñelo a disposición do público a través dunha licencia “Creative Commons”, ao igual que os responsables da parte gráfica. A obra estará pois colgada, en versión dixital, na web municipal para o acceso de todas as persoas interesadas.


Agasallos

Ermitas García e Quique Vázquez acudiron este luns ao colexio municipal para agasallar cun exemplar a cada uno dos nenos e nenas que participaron na representación. Entregaron ademais outros 50 libros para a biblioteca escolar e así outros escolares poidan traballar tamén coa peza.

 

Nela, as figuras de redeiras ou mariñeiros, entre outras, que no seu momento foron debuxadas por Diego Cheda para a biblioteca escolar, cobran vida para, todas xuntas, frear unha marea negra que se achega ao litoral cedeirés, convertendo así o coidado do medio ambiente e o traballo en equipo en dous dos principais temas da peza. 

Cedeira edita e achega ao público a obra de teatro “Mares de Cedeira”, de Carlos Labraña

Te puede interesar